O ano pasado non se puido facer, pero este o Clube Mariño a Reboira teno todo xa listo para que saian moi ben as cousas nestes décimo segundos encontros.
Estes encontros están organizados para dar a coñecer o noso patrimonio marítimo e darlle pulo á recuperación das embarcacións tradicionais galegas, símbolo da identidade de Combarro, como pobo mariñeiro, e de parte de Galiza.
Como todos os anos, dende a organización salientan que van estar, entre a sexta feira 17 e o domingo 19 de agosto, na explanada do porto da Canteira, en Combarro, embarcacións antigas, arranxadas e aqueladas, representativas de toda Galiza, e posibelmente tamén acudirán embarcacións de fóra do país. Ademais, vai haber concertos e moitas outras actividades.
A VII Festa do Mar
Este ano as actividades de verán de Combarro viran arredor do mar. Ademais da concentración das embarcacións tradicionais, vaise celebrar a exitosa Festa do Mar, e xa van sete, organizada polo Concello. Vai haber de todo: a exposición itinerante do proxecto Nabeira, Patrimonio do Vento e do Sal; unha feira de mostras de artesanía, Maré; a VII Mostra Gastronómica; e tamén, obradoiros didácticos sobre o patrimonio cultural mariñeiro de Galiza. E tamén hai varios concerto, un dos principais atractivos desta celebración: o 23 de agosto toca, de balde e na explanada da canteira, en Combarro, El sueño de Morfeo; o día a seguir toca Álex Ubago e o 25 de agosto tócalle a Marta Sánchez. Todos os concertos son as 22:30 horas.
XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Bueu
Os amigos das embarcacións tradicionais galega seguen a ter importantes datas no seu calendario este verán. Comezando no Encontro de Ferrol, agora tócalle a quenda ás vilas do sur, e despois da xuntanza de Combarro, ben seguida, vén a de Bueu.
A Asociación de amig@s das embarcacións tradicionais Os Galos, co apoio do Concello de Bueu, organiza o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais, que se vai desenvolver no peirao da vila do 19 ao 26 de agosto. No morrazo xa teñen todo listo para facer destes encontros, nas súas palabras, "unha cita ambiciosa e digna do traballo de recuperación do importante patrimonio cultural no que todos estamos embarcados". Para eles só falta o esencial: que vaia a xente.