Os participantes na xornada critican unha infraestrutura que illa as zonas polas que pasa e só se xustifica en chegar antes a Madrid.
Os participantes na xuntanza
Os problemas que causará o trazado do AVE pola Terra de Montes centraron a quinta edición dos encontros Terra de Tod@s, organizada pola asociación ecoloxista e cultural Verbo Xido, e que desta volta levou o título de “AVE de mal agoiro”. A xuntanza tivo lugar no local da cámara agraria de Cerdedo e contou con representantes de Adega, Vaipolorrío, Verdegaia, das asociacións Outeiro e Caleidoskopio, o sindicato CGT, a Coordinadora Anti-autopista e o centro de estudos Chamoso Lamas.
Todos os colectivos coincidiron en rexeitar a infraestrutura, que consideran innecesaria e non axeitada ás necesidades de transporte do país. As súas conclusións foron que a obra ten un gravísimo impacto ambiental, provoca fortes niveis de ruído e de consumo enerxético, empobrece e illa as poboacións polas que pasa ao tempo que polariza a riqueza nas cidades, e supón un custo económico excesivamente alto para unha mínima rendibilidade social.
Da reunión acordouse apostar polo ferrocarril como transporte público, ben conectado e como medio de cohesión do territorrio e, ademais, abrir un debate social sobre o futuro dos camiños de ferro e as necesidades reais do país. As asociacións anunciaron que empregarán as vías legais ao seu alcance para frear a iniciativa ou ben minimizar o seu impacto negativo.
Os participantes tamén amosaron o seu descontento polo posicionamento das forzas políticas, que apoian unha iniciativa da que as beneficiarias son as empresas adxudicatarias das obras, e que xustifican a infraestrutura na necesidade de chegar a Madrid en menos de tres horas.
No acto tamén interveu Dionisio Pereira, quen asegurou que o mesmo alcalde de Cerdedo é o que está a crear o lima propicio para que se atente contra a pedra, en paralelismo coas vítimas da represión da Besta, no mesmo lugar onde asasinaran a Francisco Arca e a Secundino Bugallo.