Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Bos Aires

Edición xestionada por Débora Campos
RSS de Bos Aires
No marco das xornadas Buenos Aires Gallega

A significación do exilio

Os académicos galegos Xosé Manoel Núñez Seixas e Pilar Cagiao Vila xunto ao presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, protagonizaron unha mesa redonda na cidade de Bos Aires.

Débora Campos - 13:30 14/08/2007

Un día antes do inicio das Xornadas Buenos Aires Gallega: Inmigración, pasado y presente, os tres historiadores galegos convidados analizaron este luns a significación do exilio cara a Bos Aires de milleiros de homes e mulleres de Galiza nos dous séculos pasados. A mesa redonda, organizada polo colectivo de galegas na diáspora Herbas de Prata, xunto coa Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina e a Biblioteca Galega de Bos Aires, contou coa presenza do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o profesor de Historia Contemporánea de la Universidad de Santiago de Compostela (USC) e investigador Xosé Manoel Núñez Seixas; e a profesora e integrante do Arquivo da Emigración Pilar Cagiao Vila.

A mesa redonda tivo lugar no salón Arturo Cuadrado que se atopa no primeiro andar do pazo da rúa Chacabuco 955, no barrio San Telmo, baixo o título "El exilio gallego en Buenos Aires y su significación histórica". A actividade, de balde, permitiu tamén presentar na cidade arxentina o libro "O exilio galego de 1936: Política, sociedade, itinerarios", dos académicos Núñez Seixas e Cagiao, que saiu do prelo o ano pasado, publicado por Edicións do Castro e o Consello da Cultura Galega.

A presentación foi unha oportunidade única de escoitar no mesmo sitio a tres dos máis importantes académicos galegos. Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea na USC, director en Galiza da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, autor de máis de setenta publicacións, e preside hoxendía o Consello da Cultura Galega. Pola súa banda, Núñez Seixas é, sen dúbida, o historiador que con maior compromiso e rigor ven traballando na memoria da diáspora galega na Arxentina. Entre os seus libros sobre o tema, salientan o clásico "La Galicia Austral: La inmigración gallega en la Argentina" (2001) e "O inmigrante imaxinario. Estereotipos, representacións e identidades dos galegos na Arxentina, 1860-1940" (2002). Por último, Cagiao Vila é doutora en Historia, profesora na USC e autora dun dos libros máis reveladores sobre as mulleres e a emigración "Género y emigración: las mujeres inmigrantes gallegas en la Argentina".

O colectivo Herbas de Prata (nome que remite a un dos seis poemas galegos escritos polo poeta Federico García Lorca) xurdiu da vontade dun grupo de galegas emigradas e descendentes de xuntarse para traballar por e para as mulleres non só dese colectivo. Fundado no ano 2006, achega a mulleres de todas as idades, todos os intereses e todas as profesións.

Pola súa banda, a Biblioteca Galega de Bos Aires é a primeira fóra do Estado. Dende a súa inauguración, hai poucas semanas, a cidadanía bonaerense pode gozar da lectura en sala e o préstamo a domicilio de doce mil exemplares que integran o acervo arquivístico e bibliográfico.

Finalmente, a a Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina, que está levando adiante unha serie de actos conmemorativos polo seu 85 aniversario, naceu en 1921 e foi durante moitas décadas o guieiro para os sectores republicanos e de esquerda dos inmigrantes na Arxentina. Influíu na política galega nos anos 30 do século pasado, durante a Segunda República, xa que varias das persoas que a dirixían e máis os seus textos tiñan unha forte presenza entre correntes coetáneas do nacionalismo e da esquerda.


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: