O activista, de 75 anos, apareceu morto o sábado nun bosque despois de deixar unha nota anunciando a súa intención de rematar coa súa vida.
Lluís Maria Xirinacs / Foto: Vilaweb.cat
Este luns á tarde coñecerase a hora e o lugar dos funerais por Lluís Maria Xirinacs, sacerdote, ex-senador e defensor do pacifismo, da amnistía e do independentismo. O cadáver de Xirinacs, de 75 anos, apareceu o sábado á tarde nunha zona de bosque de Ogassa (Ripollès). Todo parece indicar que se suicidou.
Segundo fontes policiais, o activista antifranquista deixou no seu despacho unha nota manuscrita datada o día do seu aniversario, o 6 de agosto, na que amosaba o seu desexo de quitarse a vida nun acto de soberanía. No texto, Xirinacs critica a situación dos Països Catalans, “oprimidos durante anos por España, Francia e Italia”, e censura a “actitude covarde” dos dirixentes políticos cataláns. O sacerdote estivera encarcerado dúas veces durante a ditadura e mais no ano 2005, por orde da audiencia nacional española.
Á espera de se coñeceren os resultados da autopsia, só se pode confirmar que o pasamento aconteceu sen violencia. Todos os partidos políticos cataláns, agás o Popular e Citadans, amosaron o seu pesar polo pasamento de Xirinacs. O ex-presidente da Generalitat, Jordi Pujol, definiuno como “un profeta bíblico”. Tamén a blogosfera ofreceu mostras de dor pola perda dun dos máis senlleiros defensores da liberdade en Cataluña.
O loitador antifranquista probabelmente será enterrado o luns á tarde ou o martes en Barcelona ou en Ripoll, onde actualmente repousan os seus restos. Diversos colectivos están a organizar unha homenaxe a Xirinacs para o once de setembro no Fossar de les Moreres, cinco anos despois de que pronunciase no mesmo lugar un discurso en que se declaraba “inimigo do estado español e amigo de ETA e de Batasuna”.