Logo de xuntaren máis de vinte mil sinaturas en apoio da campaña en favor do Courel, os colectivos implicados celebran este sábado a prol da causa a Festa Revolta.
Será un evento en favor da paz "cultural e ambiental" para "esta terra e todas as terras". Unha xornada reivindicativa e festeira que chega na mesma semana na que a plataforma SOS Courel presentou as máis de vinte mil sinaturas coas que promoven unha Iniciativa Lexislativa Popular en defensa do Courel.
Para que a xente se implique, para que saiba do que acontece, que o vexa de primeira man e que chegue a eles como algo xa persoal... para isto todo este sábado 11 de agosto hai unha chea de actividades programadas no Courel, na eira de Froxán: músicos, artistas, faranduleiros e xente do circo hanse unir nunha xornada reivindicativa e de festa, onde se vai defender unha das zonas máis ricas, verdes e extensas do país.
Actividades para os cativos, roteio e ulttranoite contra as canteiras
As actividades todas comezarán á volta das 11 da mañá, na Eira de Froxán, con animación en directo, para pais, nais e cativos, seguida da proxeccións dos documentais As Encrobas. A ceo aberto e O salario do silencio. Haberá tamén un roteiro "rocing", xa que con el recuperarase unha antiga ruta polo monte, polo que os participantes deberán ir rozando o camiño.
Despois de todo isto está programada unha Ultranoite Obélix e CIA, que igualiño que aquel cómic de Uderzo e Goscinny, no que Obélix montaba a súa propia canteira, e se volvía un avaro empresario, os participantes (Chévere, Mónica García, Comba Campoy, Os da Ría, Pablo Trasno, xente do circo...) faranlle rir á xente, falando dun problema que ultrapasa o Courel, e chega a toda Galiza.