Os accidentes laborais con resultado de morte aumentaron en Galiza en xuño deste ano con respecto ao mesmo mes de 2006, sinala CCOO-Galicia.
Por provincias, os 14 accidentes de traballo con resultado de morte concéntranse da seguinte forma: tres na provincia da Coruña, seis na de Lugo, tres en Ourense e dous en Pontevedra.
Segundo as cifras do Ministerio de Traballo, e tal e como destacan desde o sindicato CCOO, o sector con máis falecidos en accidentes de traballo no mes de xuño é o dos servizos, con seis falecidos (2 na provincia da Coruña, 3 na de Lugo, e un na de Pontevedra). A continuación sitúanse a pesca (4), a construción (3) e a industria (un falecido).
A taxa de incidencia foi superior en xuño de 2007 fronte ao mesmo mes de 2006, un 1,58 polo 1,19 do ano pasado. A pesca é o sector co índice de incidencia superior, case o dobre respecto a 2006, cun 16,50, moi lonxe da construción (2,68) e dos servizos (1,15).