Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Datada en 1476, consérvase en Oxford

A Biblia xudía da Coruña, o grande patrimonio esquecido

Tamén coñecida como Biblia Kennicott, é o manuscrito relixioso máis importante do Medievo galego, e unha das mellores biblias hebreas medievais que existen na actualidade.

Redacción - 13:45 07/08/2007
Detalle da biblia

Detalle da biblia

A Asociación Galega de Amizade con Israel (AGAI) está a realiza unha campaña para recuperar a memoria da Biblia xudía da Coruña, "unha obra capital na Historia do noso País", segundo afirman no seu blog, e que pretenden sexa recuperada tanto para o imaxinario colectivo nacional como de xeito físico.

Actualmente, o manuscrito consérvase na Biblioteca Bodleain da Universidade de Oxford (Inglaterra), mais AGAI insta á Xunta a recuperala para Galiza: "A Biblia xudía de Galicia é sen dúbida parte sobranceira do noso Patrimonio cultural, é xa que logo, parte da nosa Memoria Histórica. Demandamos do Goberno galego que faga esforzos para recuperar esta xoia que xamais debeu deixar Galicia. O seu lugar non é Oxford, o seu lugar é o Museo do Pobo galego".

Segundo a análise elaborada polo profesor de Historia Medieval da USC Carlos Barros do que se fai eco AGAI, "a Biblia Kennicott contén 922 páxinas en hebreo, 238 belamente iluminadas, os cinco libros da Torá (Xénese, Éxodo, Levítico, Números e Deuteromonio), os libros de Profetas e Haxiógrafos, e un tratado gramatical copiado dunha Biblia anterior que lle serviu de modelo, coñecida como Biblia de Cervera, feita no ano 1300 e conservada na Biblioteca Nacional de Lisboa".

Copia doutra de 1375
Un mozo e rico xudeu coruñés admiraba a manuscrita Biblia de Cervera, propiedade da familia xudía coruñesa Mordechai cando menos dende 1375, polo que contratou un gran calígrafo para que lle fixese unha copia, quen rematou o seu traballo o 24 de xullo de 1476.

É case seguro que a Biblia coruñesa marchou de Galiza despois de 1492, coa expulsión da comunidade xudía dos territorios do Reino de Castela e Aragón. Nada se sabe do itinerario do libro na diáspora sefardí até o ano 1771 cando foi mercada en Inglaterra por iniciativa do hebraísta, bibliotecario e párroco de Oxford, Benjamin Kennicott.


Ligazóns

4,73/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: