Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Software libre

A lingua aymara entra na informática coa tradución do AbiWord

O lanzamento oficial farase no Ministerio de Relacións Exteriores de Bolivia, e dará pé á tradución de máis programas.

Redacción - 13:15 02/08/2007
Bandeira aymara

Bandeira aymara

Unha das vantaxes máis coñecidas do software libre é a súa capacidade de personalización e, por tanto, de tradución, o que permite que as linguas minorizadas conten con programas informáticos adaptados ao idioma. Unha das últimas incorporacións é a lingua aymara, falada por máis dun millón de persoas entre Bolivia, Perú e Chile. Este xoves preséntase a versión do AbiWord na lingua americana.

Abiword, un procesador de textos libre e lixeiro, está traducido oficialmente a case 70 linguas, entre elas o galego, e formará parte do software incluído no One Laptop per Child (OLPC), ordenador portátil económico para escolares de países en vías de desenvolvemento. A versión en aymara aínda non está admitida oficialmente polo AbiWord, polo que os usuarios teñen que instalala como portugués de Portugal, tal e como indican as instrucións.

O acto de lanzamento oficial faise este xoves ás sete da tarde (unha da madrugada, hora galega), no salón do Ministerio de Relacións Exteriores e Culto de Bolivia. A tradución do AbiWord, realizada durante catro meses por Ulpian Ricardo López García e José Laura Yapita, co apoio de Amos B. Batto, introduciu novas palabras ao vocabulario aymara para designar termos informáticos mantendo o espírito da lingua.

Como a lingua e o software libre son de todos, o equipo de tradución vai poñer á disposición do público unha páxina para recoller achegas sobre a tradución. Tamén prevén lanzar unha versión bilingüe do AbiWord en castelán e aymara para facilitar a aprendizaxe do idioma. A intención é que esta versión abra o camiño para traducir outras aplicacións, como o Firefox, OpenOffice.org, o contorno gráfico GNOME e xogos.


Ligazóns

4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: