Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Atópanse nunha foxa común en San Martiño de Suarna

Exhuman os restos de quince republicanos galegos asasinados na Fonsagrada

Alí está o que fica do corpo do Comandante Moreno, case un heroe popular na zona. A ARMH comezará as labores de desenterramento dos corpos o vindeiro sábado 11 de agosto.

Redacción - 17:00 01/08/2007
O Comandante José Moreno Torres

O Comandante José Moreno Torres

Nesa foxa común de San Martiño de Suarna hai até 15 corpos de 15 homes que pertenceron ao Batallón Galicia e que foron asasinados na Fonsagrada o 29 de outubro de 1937 por un grupo de pistoleiros da Falanxe e varios gardas civís.

Segundo contan algúns veciños da Fonsagrada, algúns dos asasinos aínda están vivos na actualidade, o que fai que, dende que se soubo dos labores de desenterramento, se remexesen vellas feridas na vila luguesa.

Unha foxa común da que todos sabían
A historia deste desenterramento comezou hai cinco anos, cando a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) recibía unha carta dende a vila luguesa de San Martiño de Suarna, na que se informaba da existencia dunha foxa común preto do Acebo, na Parroquia de San Bartolo de Monteseiro, na Fonsagrada. Dende aquela altura, e axudados por historiadores e investigadores, desenvolveuse unha investigación, moi polo miúdo, na que se chegou a localizar a foxa a escasos metros do límite territorial entre Lugo e Asturias, no Concello de Grandas de Salime.

Entre os homes asasinados daquela estaba o comandante deste Batallón, o coruñés José Moreno Torres, que morreu deixando tras de si unha copla que se fixo popular nas vilas galegas e asturianas da raia: "Unos le dan bofetones, otros le dan puntapiés, otros le clavan agujas, en las uñas de los pies. En el año treinta y siete, en el alto del Acebo, matasteis a dieciséis, y al Comandante Moreno", que foi recollida por Antón Santamarina, presidente do ILG.

Os labores de exhumación realizaraos un equipo de arqueólogos dirixidos por Javier Ortiz, que está a desenvolver na actualidade varias exhumacións de foxas comúns por todo o estado. Ás escavacións van acudir familiares dos asasinados de toda Galiza, así como a familia que o Comandante Moreno ten en México.

A historia do Batallón de Milicianos de Galicia

Para demostrar que non todos os galegos eran fascistas, en setembro de 1936 creouse e comezou a se adestrar militarmente, na avanzada galega cara Asturias, o que sería coñecido como Batallón de Milicianos de Galicia, unidade na que se alistaron unha boa boa parte dos galegos que residían na raia galega-asturiana ou que conseguiran chegar até alí antes do 18 de xullo de 1936.

O 9 de xaneiro de 1937 uníronse a eles vintetrés destacados militantes libertarios galegos que conseguiran chegar ao porto de Xixón tras saír do das Xubias, na Coruña, nunha lancha pesqueira a motor, á que eles mesmos chamaban "La Libertaria". Entre os fuxidos estaba Emilio Novas Naya, Odilo Masid Masid e José Moreno Torres, quen, uns meses após a chegada á Fonsagrada ía ser nomeado comandante da unidade.

Tras loitar nas frontes de Oviedo, Biscaia e Santander, a comezos do outono de 1937, o batallón comezou a loita nas montañas de León, onde participaría en sanguentas batallas que terminaban o 20 de outubro de 1937 no porto San Isidro, onde lles chegaban as primeiras noticias do final da guerra no norte. Naquela altura, ao non poder chegar ao mar para fuxir, un grupo de quince homes, entre os que se atopaba o comandante Moreno, botou a andar cara á Coruña, coa esperanza de poder conseguir un barco co que chegar a Francia, coa axuda dos poucos membros da CNT que aínda ficaban na cidade herculina. Tras separárense algúns polo camiño, o día 29 de outubro chegaban ao Acebo para pasar o noite nunha palleira situada na aldea da Torre.

Esa mesma noite foron delatados, e salvaxemente asasinados pola Garda Civil e por varios falanxistas, que meteron os seus corpos nunha cova que fixo de foxa común. Uns días após, os mesmos asasinos atopaban os catro ou cinco mozos que se tiñan separado do grupo principal, e tamén os mataron, meténdoos na mesma cova.


Ligazóns

4,42/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: