O
Festiclown, organizado pola Concellaría de
Cultura compostelá, xestionado por
Coperactiva Cultural e co patrocinio do
Xacobeo, é xa un evento referencial non só en Galiza, senón no mundo. Un festival pioneiro nunha arte escénica por veces deostada: o mundo do clown.
Nesta edición, ademais do importante apartado formativo (hai nada menos que 13 cursos, aos que se apuntaron 250 persoas), aumenta tamén o número de espectáculos: 120 funcións en todos os ámbitos, formatos e estilos: dende as actuacións de rúa, que mesturan linguaxes circenses, como o Maraclown ou o Desclowntrol, até as funcións nos grandes escenarios da cidade, como a polémica
A Revelación, de
Leo Bassi, ou o espectáculo de Magic Andreu.
Prestixio internacional e concienciaA Mostra Internacional, no Teatro Principal ou no Auditorio, acolle tamén as montaxes de
Pepa Plana, directora do festival de pallasas de Andorra, que trae
L'Atzar. De feito, este ano constitúese unha rede de maxia e clown, Rede Estela, para promover en conxunto varios festivais: este noso Festiclown, a
Fira Màgica de Santa Susanna (Barcelona) e o
Magiclown de Sant Josep (Eivissa).
A programación do Festiclown está xa á altura dos mellores festivais de clown de Europa, e non esquece o seu compromiso coas zonas do mundo explotadas polo imperialismo: Coperactiva exportou xa cultura e alegría ás comunidades zapatistas de Chiapas o verán pasado, e este ano volve recadar fondos co mesmo fin. Ademais, este mércores estréase o documental
Pallasos sen fronteiras en Sri Lanka, e no programa haberá tamén unha charla sobre a función social do clown a cargo de Jesús Jara.