Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Opinión polémica sobre o ensino en galego

CIG Ensino e a Mesa esixen explicacións sobre as declaracións do novo Valedor do Pobo

A respecto das palabras de Benigno López González en dúas entrevistas que saíron publicadas esta mañá, os dous colectivos xa se pronunciaron con preocupación.

Redacción - 19:42 31/07/2007

A CIG-Ensino, pola súa parte, considera "moi graves" as declaracións do novo valedor do pobo en canto ao galego no ensino: "Se a un neno se lle suspende polo galego, colleralle odio", e outras indicacións do valedor que aconsellaban "non apurar a situación".

En opinión da CIG Ensino, é inapropiado de vez "que a persoa que deberá velar polo cumprimento da lexislación vixente, tamén en materia lingüística, faga unhas declaracións prexuizosas e propias dun individuo colonizado que lle nega ao noso idioma o lugar que lle corresponde e que mesmo lle nega o status que ten xa calquera lingua estranxeira no ensino".

Consideran que perante as opinións manifestadas, o Parlamento galego debería retomar o seu nomeamento. "Até agora ningún Valedor do pobo sustentara unha opinión tan prexuizosa sobre o noso idioma", afirman, "cando se debera de preocupar da desgaleguización do ensino e da perda de galego falantes dentro da mocidade galega".

A Mesa esixe a rectificación


A Mesa pola Normalización Lingüística, pola súa parte, esixe que "rectifique publicamente e con carácter inmediato" as súas afirmacións. "Atacan gravemente a convivencia e os dereitos lingüísticos recoñecidos pola lexislación".

A organización cidadá reclámalle ao Valedor investir o seu cargo en "asegurar a defensa decidida dos dereitos lingüísticos da cidadanía" , e lémbralle que todo o que el "parece cuestionar" é parte dos consensos lingüísticos vixentes en Galiza dende a Lei de Normalización Lingüística de 1983.


4,95/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: