Unha outra exclusiva para Vieiros de Tele-Varal: a fin de semana de festa e deporte anti-imperialista en Artabria.
Bocixa, a voz de Zenzar e d'As Encrobas, xogadores do Billarda Freestyle, Xurxo Souto e a exclusiva mundial da final do Campionato de Matraquiño forman esta repichoca documental que trae, só para Vieiros, TELE-VARAL.
A TV da Billarda non descansa no verán. Despois dos torneos propios do período estival, TELE-VARAL e mailo seu intrépido reporteiro viaxaron a terras ártabras para participar no Festival da Terra e da Língua, que organizou a Fundaçom Artábria, celebrado a pasada fin de semana.
Agora mandan unha espectacular reportaxe fílmica onde se pode ver, en exclusiva, a Bocixa falando dos narco corridos de Zenzar, a Xurxo Souto apoiando a causa da Liga Nacional de Billarda (LNB), contra o imperialismo deportivo, e aos xogadores do Campionato de Billarda Freestyle que se organizou. Tamén hai unha mostra do que foi o Campionato de Matraquiño ártabro.
Aquí só vos deixamos un chisco do que fixo TELE-VARAL polo norte, se queredes ver máis, velaquí está todo.
Bocixa falando co reporteiro incansábel de TELE-VARAL.