Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Contra as "condutas recalcitrantes"

O Valedor recomenda que a Fiscalía actúe contra os reiterados incumprimentos das institucións

O aviso do novo Valedor do Pobo, Benigno López, mira especialmente cara aos municipios, onde sinala que existen "as maiores reticencias" a dar contas.

Redacción - 09:30 31/07/2007

Recoñeceu Benigno López que no ámbito dos concellos é onde a actividade do Valedor sofre de máis atrancos e a miúdo recibe "a calada por resposta" especialmente en asuntos relacionados co urbanismo. Con todo, en declaracións a Europa Press, López salientou a súa vontade de "dialogar" con todas as partes para avanzar na resolución de conflitos e "evitar en todo o posíbel a declaración de hostilidade ou medidas maiores".

Aínda así, e diante dos comprobados incumprimentos reiterados das recomendacións estabelecidas pola institución, Benigno López amosouse disposto a que algunhas das reclamacións lle sexan enviadas directamente á Fiscalía. "Desta forma é a propia Fiscalía quen valorará se pode haber unha infracción delituosa", sinalou, toda vez que a figura do Valedor non abrangue competencias para o uso de medidas punitivas. Foi así que se referiu como "a gran diferenza que hai coa xudicatura", de onde el procede profesionalmente, á capacidade decisoria dos tribunais fronte á suxestión do Valedor. "Uns ditan unha sentencia firme que son eminentemente executivas e a outra suxire e investiga sobre queixas, pero sempre hai un labor de mediación entre cidadanía e administración", indicou.

Por outra parte, o novo Valedor subliñou como prioridade inmediata da súa actuación a necesidade de "potenciar, impulsar e dar a coñecer" a institución, estratexia que na súa opinión contribuirá a facela "máis eficaz e eficiente". "O Valedor é o eterno descoñecido para a xente da rúa que non coñece as súas funcións, atribucións e descoñecen de que medios dispoñen para poñerse en contacto connosco para presentar unha queixa ou reclamación por consulta", comentou ao respecto.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: