O lume arrasa hectáreas de bosque en Europa. Arredor da localidade canaria de Mogán queimou xa dúas ducias de vivendas. O presunto incendiario, un traballador forestal, foi xa detido.
Da gravidade da situación na localidade turística de Mogán, na illa de Gran Canaria, dan conta as trinta casas que foron xa arrasadas polo lume, incluída a do propio alcalde da vila. O número de persoas que deberon ser desaloxadas das súas vivendas debido á ameaza do incendio chega xa a dous milleiros. A última hora conta de até oito focos activos e até 3.500 hectáreas de bosque queimadas, a maioría de piñeiro. O forte vento das últimas horas complicou o labor de extinción.
Por outra parte, acaba de informarse do ingreso en prisión do presunto incendiario, un home de 37 anos empregado como traballador forestal na zona. O detido dera el mesmo o aviso do incendio, asegurando ter visto dous mozos acendendo o lume. As contradicións na súa declaración alertaron á Garda Civil, e durante a investigación posterior este confesou a autoría do incendio. Segundo a prensa local, facía labores de vixilancia e pretendía facer presión para que o Cabildo prolongase as contratacións de persoal.
Por outra parte, durante esta fin de semana o lume seguiu sendo protagonista tamén noutros puntos. Así por exemplo, en Bulgaria mantíñanse grandes incendios e ao longo da semana pasada xa se queimaran cando menos 23 mil hectáreas. En Grecia, até media ducia de focos graves estaban activos este domingo, aínda que se informaba de que os máis importantes estaban sendo controlados.