Cada persoa convidada ao programa achegará a súa perspectiva da viaxe. A nova serie documental da Galega, producida por Filmanova, estréase o domingo.
Antón Reixa dirixe e presenta a serie, de 13 episodios. Con ela achegámonos ao noso propio país dende o humano, dende a ollada particular dun persoeiro clave cada semana: mitos da movida como Julián Hernández, Silvia Superstar, os actores Morris e Uxía Blanco, José de Cora, Miguel Anxo Murado, a poeta Chus Pato, o narrador Diego Ameixeiras, Xosé Fortes, Carlos Blanco, Yolanda Castaño, Xosé Ramón Gayoso, ou a actriz Sonia Castelo.
Xente das artes escénicas, do mundo audiovisual, da música ou das nosas letras collen a cámara de vídeo e seleccionan os anacos da súa cidade, a que eles nos queiran dar a coñecer. Antón Reixa guiará as conversas e o ritmo narrativo, achegándolle á audiencia os lugares, os personaxes, con indicacións específicas de gastronomía e aloxamento, ademais da experiencia persoal da xente convidada.
A Galiza máxica
Ademais desta guía práctica, turística e cultural, colaboran Felipe Senén e Xurxo Lobato, con cadansúa visión profesional: n'O labirinto dos trasnos, Senén ofrecerá un percorrido pola Galiza máxica (San Guillerme de Fisterra, A Casa do Demo en Anllóns, A Lanzada, o Pozo da Sila no río Miño, a Pedra de namorados na Picaraña de Ponteareas, as Ninfas das Burgas, o Castro da Xironda, a Cripta do Apóstolo, o Dolmen de Dombate, Vilarbacú e Piapaxaro, eira das meigas no monte Neme, O Pindo ou o Santiaguiño do Monte).
E dende a sección A guía secreta, da man do fotógrafo Xurxo Lobato, percorreremos diferentes rutas con especial atención aos lugares e personaxes singulares que visitará simulando a súa profesión.
Algunhas propostas de rutas recollidas na serie son as do Ribeiro e Bocarribeira (De Oseira a Ribadavia), Ribeira Sacra (De Monforte a Montederramo), país da memoria (A Limia e Allariz), Terras de Mondoñedo (de Bretoña a Sargadelos), Os camiños de Santo Andrés de Teixido (de Ferrolterra a Bares), A Terra Chá, O Courel, A Costa da Morte, Muros e Noia (nos camiños de Santo Ourente de Entíns), O Mar de Arousa, Lérez (de Terra de Montes a Pontevedra), Miño despídese (do Condado ao Castro do Tegra)...
O equipo
Ademais de Antón Reixa como produtor executivo, director e presentador, Tonche Segade é o realizador, Xavier Eirís, o director de produción, e Paco Abelleira o responsábel do guión. A música corre a cargo de Marcos Paino, e no asesoramento documental a serie conta con Eva Sanjurjo.