Unha web desvela que os tripulantes do transbordador espacial voaron baixo os efectos do alcol, ao tempo que se descobre que un traballador subcontratado cortou os cables dun computador.
A axencia espacial estadounidense (NASA) estase a converter en protagonista dos medios de comunicación, pero non polos seus avances na investigación nin polos seus proxectos de futuro. Desta vez, estase a ver afectada por problemas ben terreais, aínda que se produzan a 360 quilómetros de altura. Por unha banda, sóubose que os astronautas da Estación Espacial Internacional voaron borrachos polo menos en dúas ocasións; por outra, descubriuse unha sabotaxe nos ordenadores do transbordador Endeavour.
Esta semana, a web de Aviation Week publicou que aos astronautas se lles permitiu voar bébedos polo menos dúas veces, a pesar da oposición dos seus compañeiros. Segundo a publicación, o estudo, encargado pola NASA para coñecer o estado de saúde dos astronautas, tamén detectou un abuso do alcol entre os profesionais nas doce horas posteriores ao despegue, o que vai contra as normas da axencia espacial. A NASA evitou facer declaracións sobre o asunto, pero anunciou que fará públicos os datos sobre a saúde dos astronautas.
Por se isto for pouco, descubriuse que un subcontratado cortou os cables dun ordenador do transbordador Endeavour, que ten previsto voar o 7 de agosto. Segundo as investigacións da NASA, foi un acto de sabotaxe, por ser intencionado e obvio. O aparello ía formar parte da cabina que vai transportar o persoal da Estación Espacial Internacional.
Segundo o voceiro da axencia Kyle Herring, o dispositivo está deseñado para recoller datos dos sensores externos da estación, que detectan vibracións, como as causadas polo impacto de micrometeoros. Aínda que confiou en que se repare a tempo, asegurou que se pode voar perfectamente sen el, pois os datos quedan almacenados nos propios sensores. Os danos considéranse o primeiro acto de sabotaxe no equipamento de voo descuberto pola NASA.