Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Fanse 55 anos do asasinato do Foucellas

O home que botou dezaseis anos loitando no monte

Aínda así, Benigno Andrade García, coñecido como o Foucellas, facía vida fóra do monte. Unha vez, disfrazado de Garda Civil rouboulle 80 mil pesetas ao alcalde de Silleda.

Redacción - 18:19 26/07/2007
O Foucellas

O Foucellas

Collérono no 52, mentres se barbeaba no río, preto da vila de Oza dos Ríos, na provincia da Coruña. É un dos guerrilleiros galegos máis coñecidos, e hai moitos anos, un dos máis temidos. As nais burguesas ameazaban aos seus cativos cando se portaban mal con que ían "chamar ao Foucellas"... mentres os nenos da aldea andaban polas leiras a xogar a ser o Foucellas.

Hai sobre a súa vida moitas lendas, pero poucas certas. O que si se sabe é que andou anos facendo vida normal no monte -até ía ver os partidos do Deportivo, cando xogaba na casa-, e que gustaba moito dos disfraces. Entre os seus favoritos estaban o de cura, o de muller e o de garda civil. Vestido disto último, rouboulle unhas 80 mil pesetas ao alcalde de Silleda, diante dos ollos doutros gardas civís.

Nunca o describiron coma moi intelixente, mais si falan del coma moi astuto, cunha estraña capacidade para cheirar a presenza da Garda Civil, e con moita querenza polas mulleres. Aínda que todas estas cousas eran moitas veces ruxe ruxes que acrecentaron o seu mito, xa que a súa irmá, que traballaba no cuarteliño de Curtis, era a que o avisaba de cada movemento dos axentes, o que explica que soubese cando ían por el. O do seu gusto polas mulleresdálle un aire de galán que lle fai xustiza.

A andaina d'O Foucellas
A Benigno Andrade chamábanlle o Foucellas, por ser o nome da súa aldea natal, sita na parroquia de Cabrui, no Concello de Mesía. En 1936 traballou como peón nunha leitería e estaba afiliado á Sociedade Republicana e á célula comunista de Curtis. Naquela altura fixo parte dunha columna que saíu cara a Coruña en apoio á República, pero que se disolveu antes de chegar. De volta en Curtis, con moito medo -e con razón.- ás represalias, botouse ao monte onde pasou case 16 anos fuxido.

Case sempre andaba só, pero uníase de cando en vez a outros maquis e fuxidos que roubaban xuntos para subsistir e creaban bases de apoio nas casas que estaban libres de sospeita.

A Garda Civil soubo del cara 1941, e dous anos após o Foucellas xa estaba na reorganización guerrilleira impulsada polo PCE e a Xunta Suprema de Unión Nacional, no grupo do tenente Freijó que operaba pola zona de Curtis, co que protagonizou sabotaxes ao sistema represor franquista. As súas actividades empequeneceron cando foron collendo a outros compañeiros coma Ponte, Seoane e Gayoso.

Naquela altura, o Foucellas marchou a Betanzos, e o 9 de marzo de 1952 a garda Civil collíao preto da cova na que moraba, en Oza dos Ríos. Unha bala atravesoulle a perna, e os gardas puideron atrapalo. Dende aquela andou cun bastón que os seus compañeiros de cela atoparon tirado no chan, o 26 de xullo de 1952, o día que o asasinaron a garrote vil. Para matalo veu expresamente dende Burgos o famoso verdugo Mariano, que naquela altura, a pesar de comezar a estaren "mal vistos" os "axustizamentos" franquistas, era toda unha celebridade.

El non foi mitificado polas plumas de mozos escritores no exilio o na mal chamada transición. Ao Foucellas deulle vida o pobo galego e aínda hoxe é lembrado.


Ligazóns

4,73/5 (22 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: