O primeiro ministro, Ehud Olmert, dixo estar disposto a discutir a iniciativa de paz proposta pola Liga Árabe, coincidindo coa visita a Israel dos ministros de Exteriores de Exipto e Xordania.
Tras terminar a reunión, Olmert afirmou que lle gustaría "a próxima vez que Exipto e Xordania nos visiten, traian consigo a máis ministros doutros países árabes para discutir a iniciativa árabe connosco". Tamén anunciou que prevé comezar a negociar co presidente palestino, Mahmud Abbas, para a creación dun Estado palestino.
Unha visita histórica para Israel
Na xuntanza da cuarta feira, os dous ministros árabes viñan explicar ás autoridades israelitas en qué consiste a proposta árabe, porén, o secretario xeral da Liga Árabe, Amr Mussa, negou que os ministros de Exteriores de Exipto e Xordania estean a representar a súa organización: "Non están actuando baixo a bandeira da Liga Árabe. Non van en nome da Liga Árabe nin foron enviados como delegados da Liga Árabe", explicou o secretario xeral en declaracións á BBC, seguindo, "Tanto Abul Gheit -exipcio- como Al Jatib -xordano- representan a dous países árabes que por certas circunstancias teñen chegado a acordos de paz e manteñen relacións diplomáticas" con Israel.
"Non agardarei pola Liga árabe para procurar a paz con palestina"
Estas foron as palabras do primeiro ministro israelí, quen asegurou estar disposto a discutir as iniciativas que lle presenten, cun "corazón e unha mentalidade aberta".
Os dous ministros tamén tiveron xuntanza co presidente israelí, Simon Peres, e coa ministra de Exteriores, Tzipi Livni, cos que tamén discutiron sobre a iniciativa árabe, mais Peres considerou que non se pode "acadar a paz nunha reunión ou en dúas".
Os palestinos, dispostos a negociar
O pobo palestino dixo non ter recibido aínda ningunha proposta de negociación do primeiro ministro israelí, mais amosáronse dispostos a "tratalo e a iniciar negociacións sobre as cuestións do situación final de xeito secreto ou público".