"Desde as polémicas rifas entre historiadores, filólogos e políticos, até as posturas máis desdramatizadoras dos propios habitantes destas zonas". Reflexións diversas no documental que a Galega estrea este mércores, achegando posicións variadas sobre o feito de que "as divisións administrativas non coincidan moitas veces coas lindes culturais". O traballo está producido por
Pasacana Films e o guión e a dirección é de Rubén Pardiñas.
Inclúe entrevistas cos habitantes de vilas e aldeas como Vilafranca do Bierzo e Ponferrada (León), Ibias e El Franco (Asturias), Hermisende e Lubián (Zamora) ou Castro Laboreiro (Portugal). "Hai desde quen explica nun galego impecábel que el non ten nada que ver coa cultura galega até quen reclama a anexión a Galiza", explican os produtores.
Recóllense tamén declaracións de persoeiros como Xosé Manuel Beiras ou Manuel Fraga; escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira ou Xavier Frías Conde; os filólogos Francisco Fernández Rei ou Xosé Lluís García Arias e os presidentes da Real Academia Galega e da Academia de la Llingua Asturiana, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Ana Cano.