O empresario galego pasa a ser o principal accionista individual da entidade bancaria.
Jove, entre o conselleiro de Economía, Fernández Antonio, e o daquela xerente de Citröen, Javier Riera
O banco suízo UBS informou este martes da xestión para Manuel Jove da operación de compra dunha ampla cota do capital do BBVA. Jove pasaría a controlar arredor do 5% da entidade, a maior porcentaxe que posuiría un accionista individual na entidade. O ex presidente de Fadesa entra así no banco que na actualidade preside outro galego, Francisco González.
Jove xa fora noticia nos últimos tempos por outras operacións financeiras despois da venda por máis de 2 mil millóns de euros da inmobiliaria coruñesa que el mesmo fundara. Así por exemplo, a finais de xuño coñecíase que compraba o 37,7% do capital social da empresa téxtil Caramelo. A entrada no accionariado producíase nunha operación onde tamén participou a Xunta, que a través dunha das sociedades de capital risco que forman parte de XesGalicia comprou o 7,6% da empresa.
Máis recentemente, Manuel Jove mercou o 40% da petroleira Vetra, empresa adicada á explotación de campos petrolíferos onde investiu 37 millóns de euros, converténdose tamén no principal accionista e mantendo unha opción de compra que en tres anos lle permitiría adquirir até o 60% desta compañía.