Óscar Pereiro aspira a intentar o triunfo de etapa antes do domingo e de paso amarrar posto no Top Dez da carreira.
Este martes hai xornada de descanso no Tour de Francia, tempo para a recuperación que chega para o representante galego nun momento axeitado, xa que confesa que a tirada do pasado luns polas montañas pirenaicas foi o día en que as pernas peor lle responderon.
"As sensacións non foron boas", confesa Óscar Pereiro na súa bitácora, a quen a cabeciña lle pedía combate na montaña nesa xornada e intentou desde o principio coller a escapada boa. "Ao estar entre os quince primeiros da clasificación xeral non hai lugar para concesións perigosas", reflexiona, lembrando a escapada onde apañou trinta minutos de vantaxe que lle serviron para saír vencedor en 2006.
E porén, o ciclista galego pon o ollo na tirada deste mércores: etapa raíña, con dous portos especiais, dous de primeira e un máis de terceira. Todo un desafío para as minguantes forzas dos corredores, que deberán rematar esa etapa agatuñando as ramplas do Col d'Aubisque, cima histórica do Tour nos Pirineos.
E se desa non vai, Pereiro avisa: " Non me darei por vencido ata que acabe o Tour o domingo nos Campos Elíseos". Ademais, un obxectivo engadido: "Tamén me gustaría facerme un oco no Top Ten xa que nos tres Tours que participei estiven aí".