O secretario xeral de Comunicación e máis o director xeral da CRTVG asinaron un convenio de colaboración para difundiren a produción audiovisual na rede.
Este protocolo, en palabras de Benigno Sánchez, permitirá a creación dun escaparate do fondo documental da Compañía: 54 producións serán as primeiras en formar parte deste proxecto na rede, entre elas 14 documentais e 17 series de ficción e documentais, "dende as míticas, como Mareas Vivas, até as de plena actualidade, como Libro de familia". Este soporte funcionará como unha "tenda virtual" para difundir o noso patrimonio audiovisual entre programadores e persoas interesadas en xeral.
Ademais de material para promoción, colgarase na rede información sobre adquisición de dereitos de emisión, de xeito que se poderá negociar en liña a compra de produtos.
A Secretaría Xeral está a xestionar, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, unha mediateca que recolla vídeos, imaxes, e outros obxectos en formato dixital relacionados co mundo audiovisual, o que esixe un importante esforzo en edición e catalogación. Para a dixitalización, almacenamento e difusión da produción audiovisual, cóntase cos recursos tecnolóxicos do Centro Multimedia de Galicia (CMG) e o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
Fiestra á comercialización e á difusión cultural
Pola súa banda, Fernando Salgado explicou os contidos deste protocolo. Baséase en dúas premisas: en primeiro lugar, e a TVG é cotitular dos dereitos de produción e difusión pública dos seus produtos. "Contamos cun tesouro audiovisual no arquivo da TVG". Por outra banda, o proxecto intégrase no proxecto audiovisual Innova, cofinanciado co FEDER, consistente en pór na rede as producións audiovisuais.
Ademais, sinalou tres vertentes da iniciativa: en primeiro lugar, a proxección en Galiza, e máis alá das nosas fronteiras, do noso patrimonio. Despois, a comercialización, xa que o proxecto facilítalles aos programadores de diversas canles e ao público en xeral mercar dereitos de emisión; e para rematar, a liña de acción cada á dixitalización total dos produtos da TVG.
Dende a Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual sinalan que a idea é asinaren convenios deste tipo con diferentes produtoras, recuperar todo o material comercializábel e acadar os permisos para difundir o material a través de internet, de xeito que en setembro presentaranse resultados concretos. A Secretaría Xeral xa dispón dos dereitos de emisión de certos filmes, os financiados con fondos públicos. Son, en calquera caso, dereitos de emisión con fins culturais e non comerciais.
Para este xoves, o director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel Fernández Iglesias, e o director da TVG, Suso Iglesias, realizarán unha visita institucional á Corporació Catalana de Ràdio i Televisió (CCRVT) para estudaren posíbeis liñas de colaboración nos procesos de dixitalización da TVG.