Este festival está organizado por dúas asociacións da parroquia viguesa integradas por xente nova que leva ben anos dinamizándoa.
A Asociación Xuvenil de Actividades de Ocio de Matamá e o Colectivo Cultural Alternativo Malaherba levan tempo organizando actividades como o Matamá Folk, o Matamá Rock ou o Teima Rock. Agora únense para ampliaren a oferta cultural que se desenvolve na parroquia de Matamá durante os meses do verán. Demostran así que a mocidade pode "levar a bo termo dun xeito coordinado e serio, iniciativas culturais de grande interese para a cidadanía en xeral". Sons da lameira é o resultado do seu traballo.
Poderemos gozar de tres días de música e festa nesta parroquia: o venres 20, Matamafolc, coas actuacións dos vigueses Zurrumalla e Ardentía, e, dende Portugal, a Brigada Víctor Jara. O sábado 21 soará con toda a forza o Malaherba Rock, co rock de serie B dos composteláns Ataque Escampe, o punk d'O Leo i Arremecághona!!!, de volta na súa terra, o hardcore dos vigueses Ofensiva, Deskarats dende Cataluña e Oxtiax que te pariu dende Freixo.
Como remate, o domingo 22 será o fin de festa con sesión vermú, animación infantil a cargo de Peter Punk cos seus malabares e o seu humor, a capoeira de Nagô e a actuación de The Turre´s band.