Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
LENTAS E POUCO FUNCIONAIS, OS SEUS MAIORES DEFECTOS

Second Life e MySpace, entre as cinco peores webs de Internet, segundo a revista Time

A prestixiosa publicación fixo o seu particular repaso pola rede para localizar e identificar os sitios que precisan dun cambio de aires

Redacción - 13:54 20/07/2007

O ránking, composto só por cinco nomes, é breve, pero esconde algunha que outra sorpresa.

1. eHarmony.com:

Atopar parella non é tarefa doada. E menos se unha páxina de contatos, cuxa misión debería ser achandar o camiño cara á media laranxa, pon máis trabas. Precisamente polo peculiar funcionamento deste portal a publicación estadounidense situouna no número un do seu ránking.

Se o usuario consegue chegar ao final das máis de 400 preguntas ás que hai que contestar para rexistrarse -base sobre a cal a web proclama que conta cos resultados máis científicos-, terá que enfrontarse a críticas nada construtivas acerca de por que unha procura non prosperou, con comentarios do tipo "imposible de emparellar". Todo isto, pagando unha taxa mensual que oscila entre os 21 e os 60 dólares, en función do número de meses que o usuario contrate os seus servizos.

2. Evite.com:

É o portal para elaborar invitacións e cartóns por excelencia, pero está tristemente ancorado no pasado. Co éxito que están tendo en Internet as ferramentas que facilitan o acceso aos contidos por parte dos usuarios e doutros que permiten unha interacción moito máis sinxela e rápida co portal, as pestanas desplegables e os ocos en branco para encher de Evite.com claman por unha posta a punto.

A navegación é lenta e non se pode completar o un espazo persoal con música nin vídeos das festas ou eventos que os usuarios promocionan entre os seus contactos.

3. Meez.com:

Time sitúa no terceiro lugar a esta páxina en concreto, pero a elección poderíase estender a todas aquelas webs -Smiley Central ou Bligee, por exemplo- que coas que se poden crear avatares animados, figuras e demais firmas dixitais coas que moitos internautas aderezan os seus mails, intervencións en foros ou mensaxes instantáneas.

A pesar de que as imaxes fabricadas con axuda destes programas adoitan ser 'cucas' e poden constituír un reforzo non verbal do diálogo online, a opinión da revista é que molestan á hora de ler o texto, tardan en descargarse e ocupan espazo útil do disco duro.

4. Myspace.com:

A pesar de ser unha das webs máis famosas, cun elevado número de usuarios, e cada vez maior, e ata aparecer na lista das 50 páxinas máis cool elaborada pola propia publicación, na archipopular comunidade social propiedade do multimillonario Rupert Murdoch non todo marcha á perfección.

Precisamente o feito de estar crecendo de forma tan rápida, unida a un escaso control sobre os usuarios, favoreceu a proliferación de empresas e particulares que aproveitan para promocionarse e coan mensaxes spam. As denuncias de pais e asociacións en canto á presenza de pederastas tampouco benefician á comunidade online.

Tamén hai críticas estéticas: o deseño é pobre e permite pouco marxe de acción á hora de introducir cambios nos perfís.

5. SecondLife.com:

Normalmente, os comentarios son favorables, pero a Time non acaba de convencerlle o mundo virtual tan de moda ultimamente. Por unha banda, cualifica os gráficos de pobres e pouco elaborados. Ademais, a velocidade do xogo é moi lenta, aínda navegando cun bo ancho de banda, o que repercute nos xa de seu torpes movementos dos avatares.

Doutra banda, ter que adquirir produtos virtuais con diñeiro real non parece ser un negocio o suficientemente gratificante. É máis, esta semana o diario británico The Inquirer aseguraba que algunhas empresas xa se están retirando de SecondLife xa que, ao parecer, ninguén está acudindo ás súas sedes cibernéticas.


4/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: