As instalacións de produción eléctrica a partir da biomasa estarán reguladas e controladas pola Xunta. Con esta medida preténdese crebar a dependencia enerxética galega.
Industria aspira a, de aquí a 2012, instalar un máximo de 80 MW eléctricos a partir de biomasa forestal primaria, comezando a partir do outono que vén.
Con este decreto a Xunta pretende reducir a dependencia enerxética de Galiza do Estado, poñer en valor o residuo forestal que hai no monte galego, crear novas fontes de enerxía primaria e, ao terminar con todo o que sobra dos montes, contribuír á prevención de lumes.
As áreas escollidas pola Xunta
O Goberno galego asegura que este Plan Técnico establece unhas áreas xeográficas para o aproveitamento da biomasa forestal, "compatíbeis cos usos tradicionais do monte, e sen que entren en colisión con outras actividades económicas a el vinculadas".
As áreas xeográficas que se recollen no proxecto son as de Xallas-Terra de Soneira, Terra Chá-O Eume, A Fonsagrada-Meira, O Deza, Terra de Lemos-Chantada-Sarria, O Condado-A Paradanta e Verín-A Limia. A instalación das plantas de biomasa estará regulada polo goberno galego, e o emprazamento das mesmas deberá estar completamente xustificado.