Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A empresa galega levaba 20 anos tentándoo

Zeltia recibe permiso para vender o anticanceríxeno Yondelis en Europa

O anuncio da comercialización deste medicamento disparou na bolsa as accións da empresa, que na mañá da sexta feira estaban a máis de 9 euros.

Redacción - 10:53 20/07/2007
Logo da empresa

Logo da empresa

A Axencia Europea do Medicamento (Emea) comunicou a aprobación de Yondelis, o antitumoral de orixe mariña desenvolvido por Pharmamar, filial do grupo galego Zeltia.

Yondelis vén sendo o fármaco estrela da biotecnolóxica galega e estatal, un anticanceríxeno para o sarcoma de tecidos brandos no que o grupo galego levaba 20 anos traballando. En todo este tempo, os investigadores de Zeltia dedicáronse a elaborar fármacos de orixe mariña, a partir de algas, ante a incredulidade do mercado, que asistiu, durante décadas, aos nacementos de novos medicamentos e os pequenos avances que Pharmamar ía comunicando.

A historia do Yondelis

En 1996 a FDA (Food and Drug Administration) estadounidense aprobou os ensaios clínicos con pacientes do composto ET-743, que Zeltia bautizou como Yondelis. Mais até 11 anos despois a empresa galega, dirixida por José María Fernández Sousa-Faro, non conseguía o permiso para o vender.

En 2003 nunha primeira votación europea, a Emea rexeitou a comercialización do medicamento, xusto no intre no que faltaban varios votantes na sala. Neses días a empresa galega caeu un 25% na bolsa, cando hoxe está a 8,2 euros por acción.

Ao ser rexeitado nun primeiro momento, Zeltia comezou a traballar na reducións dos custes de produción e pensou en encamiñar o seu produto a outro novo mercado: os Estados Unidos. A finais do ano pasado a multinacional estadounidense Johnson & Johnson mercou os dereitos de venda do Yondelis.

A aprobación do Yondelis supón un gran apoio á investigación de novos fármacos de orixe mariña, compostos sobre os que ningún grupo no mundo ten máis dereitos de propiedade que a empresa galega.

Como o Yondelis, Zeltia ten cinco compostos aínda en ensaios clínicos, e algúns, como o composto para o cancro de ovario e de mama están na fase III e na fase II respectivamente.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: