Con todo, en entrevista no Bos Días, na Galega, Xosé García Buitrón, admitiu que "se hai unha petición cidadá non imos poñer ningún inconveniente".
"Nós pensamos que o Juan Canalejo é unha marca de hospital, é moi coñecido e como tal marca non ten unha identidade histórica con esta persoa", respondeulle o xerente do hospital coruñés, Xosé García Buitrón, á pregunta que o xornalista Carlos F.Amado lle realizara sobre o debate en Vieiros ao respecto dun posíbel novo nome para o centro sanitario. A polémica é xa vella e hai moitos que reivindican que se mude un nome que está tan estreitamente vinculado coa ditadura.
Malia iso, Buitrón dixo entender "perfectamente" que "desde algúns niveis sociais se queira cambiar o nome". Ao fío, prometeu que se hai unha proposta en firme para ese cambio a dirección do centro non lle vai poñer atrancos á modificación. "Pero tampouco o vivimos como unha necesidade interna", indicou, engadindo que "o Juan Canalejo hospital coñecido como tal e paréceme que o nome é historicamente válido, pero tampouco imos poñer ningunha obxección se hai unha iniciativa social para cambialo".
No novo espazo agalega.info podedes ver o vídeo da entrevista.
No debate do OpenVieiros están algunhas das propostas que os lectores de Vieiros achegaron para mudarlle o nome ao hospital: Roberto Novoa Santos, Domingo García Sabell, Hospital da Coruña, Reino da Galiza, Tomás Fábregas, Castelao, Hospital das Mariñas, Teresa Herrera...