Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MÁIS ESPAZOS PROTEXIDOS

Acusan á Xunta de abandonar O Morrazo na ampliación da Rede Natura

Preséntalle á Xunta unha petición de ampliación das zonas protexidas na comarca, que está "abandonada" e chea de "construcións ilegais".

Redacción - 17:30 18/07/2007
O Cabo Udra

O Cabo Udra

A Coordinadora pola defensa do litoral do Morrazo vén de presentarlle ao Conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez Fernández, unha petición de ampliación no Morrazo dos espazos considerados como LIC (Lugares de Importancia Comunitaria) dentro da Rede Natura 2000. A mesma petición xa foi presentada a semana pasada a través da FEG (Federacion Ecoloxista Galega).

Rexeitan o "abandono e discriminación que a Xunta amosa coa península do Morrazo"
Ao non incluír ningún espazo protexido novo nin ningunha ampliación dos xa existentes da Rede Natura dentro da súa proposta de ampliación do territorio protexido para os vindeiros anos. A Xunta amosa un "rexeite", segundo a coordinadora, ás terras do Morrazo.

Tamén queren denunciar que o 20% do novo territorio protexido pola Xunta refírese a "superficie mariña, e non terrestre", polo que lles parece que as cifras que manexa o goberno galego estás "inchadas" e non son fiábeis.

O Cabo Udra, a Costa da Vela e a enseada de San Simón
No Morrazo hai na actualidade tres espazos aprobados como LIC dentro da Rede Natura: o Cabo Udra, a Costa da Vela e a enseada de San Simón, mais dende a coordinadora queren lembrar que aínda existe á beira destes tres lugares, máis espazo, tanto terrestre como mariño, con todas as características, tanto biolóxicas, xeográficas coma de criterio, para entrar dentro da ampliación dos LIC.

O Cabo Udra, a Costa da Vela e a enseada de San Simón xa foran protexidos en 1990, dados os seus valores naturais, polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais da COTOP, en Pontevedra, mais despois foron reducidos nas propostas da Xunta á Rede Natura 2000, quedando fóra dela as zonas que dende a coordinadora consideran ampliábeis.

Onde non hai lugares protexidos, nacen as construcións ilegais
Dende a coordinadora tamén denuncian que o feito de obviar estes lugares por parte da Xunta pode estar motivado por intereses "urbanísticos residenciais e industriais".

De feito, destacan que outros espazos naturais que quedaron excluídos foron xa construídos ou empregados como chan industrial; é o caso das praias de Mourisca e de Tulla, onde se construíron, dende os anos oitenta vivendas ilegais; Punta Couso onde dende os anos setenta existe unha urbanización de vivendas de luxo que ademais acoutan o lugar dentro de dominio público marítimo-terrestre; a franxa media-alta do complexo dunar Nerga-Barra, onde tamén se construíron vivendas ilegais; o dunar de Liméns, onde dende hai décadas á súa beira se están a construír ilegalmente vivendas e cámpings; Punta Balea, sobre a que pende dende o ano 2004 o proxecto dun porto deportivo anexo a un macroproxecto urbanístico hoteleiro-residencial; o Carballal de Coiro, que foi afectado a comezos desta década pola construción dunha vía rápida e un tendido de alta tensión... e un longo etcétera.

A coordinadora tamén lle pide á Xunta que teña en conta que o territorio citado, non incluído na Rede Natura no Morrazo, está catalogado na actualidade como solo rústico de protección de espazos naturais, o que o fai máis "susceptíbel de ser recalificado urbanisticamente ou agredido por Plans Sectoriais".

A Coordinadora pola defensa do litoral do Morrazo
Está composta pola Plataforma para a Conservación do Litoral de Bueu Anduxía, o Foro Social de Cangas, o Grupo Ecoloxista Luita Verde, os Amig@s do Morrazo Verde, o Colectivo Nacionalista de Marín, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón e a Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR).


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: