A píllara papuda ou píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é un pequeno limícola que aniña na parte superior das praias, ao pé das dunas vexetadas. Deposita os seus ovos de abril a xullo directamente na area e os choca durante 25 días. A cría dos polos demórase outros 25. Esta especie é moi sensíbel á alteración do seu hábitat pola intrusión das persoas e animais que inconscientemente, escorrentan aos adultos e derraman as niñadas. A desgrazada circunstancia de que a súa posta e cría coincide coa tempada estival e o incremento do turismo en praias antes virxes, está a provocar o rápido descenso desta especie en Galiza.
Como factor engadido de distorsión, a utilización de maquinaria pesada para a limpeza das praias está a provocar a perda de moitas niñadas. Dende ADEGA e outros colectivos como ANABAM temos recomendado a utilización de medios máis selectivos como a limpeza manual das praias, procurando non retirar máis que o lixo antrópico ou mesmo non actuar durante a época de cría.
iMalia a ser unha especie ameazada, incluida no recente Catálogo Galego de Especies Ameazadas, as iniciativas para a súa protección e recuperación viñeron sempre da man de colectivos como ADEGA ou ANABAM. Neste senso, e malia a ter comunicado á D. X. de Conservación da Natureza a presenza da píllara papuda nas dunas da Corna, nin a Xunta nin a administración municipal (A Pobra e Ribeira) foron quen de evitar o continuo deterioro do seu hábitat. Cómpre lembrar que para as dunas da Corna hai aprobado dende 1995 a iniciativa dos ecoloxistas (concello de A Pobra) un proxecto para regulamentar os accesos rodados e diminuir a presión sobre o medio que dende aquela durme o sono dos xustos.
Máis recentemente ADEGA ten apresentado un proxecto de rexeneración para esta área dunar que comezará este verán e combinará actuacións de protección sobre o medio con actividades de Educación Ambiental, para fomentar as actitudes de respecto e coidado polo contorno.
Lamentabelmente, este ano pode ser xa tarde para a píllara pero ADEGA quer insistir ante os concellos e a consellería na necesidade de atender ao estado ecolóxico do litoral denantes de humanizalo con infraestruturas que, como os paseos marítimos, están a degradar as últimas praias virxes do país.
As bandeiras azuis tampouco son garantía de calidade ambiental, só certifican a salubridade das augas. Velaí o exemplo da Corna e de tantas outras. A este respeito, nun recente simposium celebrado o pasado outubro en Vigo, o profesor Anton MacLhalan, experto en ecoloxía de praias, propuxo que para a concesión das bandeiras azuis se contemplen en maior medida os aspectos medioambientais máis centrarse nos servizos para os usuarios.
Non todo vale para atraer ao turismo!