Non impediron a chegada a Reganosa do metaneiro 'Cádiz Knutsen', malia recibilo con cazolada, nun acto organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
Con todo, advertíronlle á Xunta que retomarían as súas accións de protesta se non se inicia un proceso de negociación "real e eficaz" e se lles compensa economicamente polas últimas perdas. Xa este xoves foille emitido un documento ao conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, en que Bernardo Bastida, patrón maior da confraría, comunicaba que a chegada do buque gaseiro 'Port Hartcourt' o 9 de xullo a Reganosa provocou o cese da actividade na ría entre as 11.30 e as 14.00, para permitir a navegación do metaneiro. Polo tanto, os mariscadores rexistraron unhas perdas de 23.603 euros, e a confraría de 2.390 euros. Bastida asegurou que non permitirán a entrada do próximo gaseiro se non se concreta "o pagamento inmediato" das perdas do 9 de xullo.
Bastida solicitou tamén unha xuntanza entre o delegado de Goberno, as consellarías de Industria, Pesca e Presidencia, e a propia Reganosa, para analizaren os posíbeis danos que a actividade da gasificadora e o tránsito de buques poidan ocasionarlle aos bancos marisqueiros. Pero a primeira condición que esixe o patrón maior da confraría, para empezar a negociar, é que a Delegación do Goberno retire as denuncias presentadas contra os mariscadores.
De non efectuarse o pagamento nin convocarse a xuntanza, Bastida asegurou que se bloquearía a entrada na ría dos próximos gaseiros. Subliñou que o colectivo "vaise defender no medio en que traballa, que é o mar, e en consecuencia, vai impedir a entrada dos buques gaseiros a partir do día de hoxe". Así a todo, salientou que o colectivo de mariscadores está aberto ao diálogo, sempre que "sexa real, eficaz e construtivo", mais advertiu que non se pode "dar por feita" a negociación cando "non existe", en referencia ás declaracións realizadas por Méndez Romeu o pasado 2 de xullo.