Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Mónica Salgueiro, da asociación 'Sen Fronteiras'

"Nas canceiras o que menos importa son os cans, para eles son mercadorías"

É unha das voluntarias que todos os días coidan os cans nos refuxios de Ponteareas -onde hai pouco alguén envelenou arredor de vinte- e Tui. Falamos con ela da masificación dos animais domésticos, da necesaria esterilización e dos moitos que foron abandonos.

Antía Rodríguez - 09:00 15/07/2007
Viena procura fogar

Viena procura fogar

Matáronlles arredor de vinte cans nunha semana, e eles seguiron protexendo os máis, mentres se manifestaban e procuraban o apoio da xente. Os voluntarios da Protectora de Ponteareas, situada no Monte da Picaraña desta vila pontevedresa e xestionada pola Asociación Protectora de Animais Sen Fronteiras, viviron as semanas preelectorais de maio de xeito moi distinto ao dos seus veciños: facendo gardas no monte, arredor do refuxio, e recollendo cadáveres de cans e cadelas que até hai pouco estaban tamén na listaxe de animais para adoptar.

En Vieiros, un tempo após estes feitos, falamos con Mónica Salgueiro, a vicepresidenta da Asociación Protectora de Animais
Sen Fronteiras e unha das voluntarias dos refuxios de Ponteareas e Tui, que xestiona esta asociación sen ánimo de lucro.

Ela é unhas da trinta persoas que diariamente se ocupan da manutención dos refuxios de animais que hai en Ponteareas e Tui. Entre os dous xuntan arredor de trescentos cans e cadelas que foron abandonados polos seus donos, ou que xa naceron nas rúas, onde vivían até que alguén os levou ao refuxio. Alí danlles de comer, vacínanos, esterilízanos e búscanlles un fogar. Cos asasinatos de cans de finais do mes de maio, o número de animais no refuxio de Ponteareas baixou considerabelmente, mais aínda seguen a chegar máis e máis. Ao contrario do que pensa a xente, e como di Mónica Salgueiro, non é que se abandone máis no verán; abandónase todo o ano e os refuxios reciben tamén, todo o ano, animais das rúas.


"É mellor levar os cans abandonados ás protectoras, aos refuxios, e non ás canceiras, onde os teñen coma se fosen mercadorías"


Como levaron todos os feitos de maio? Que fixeron ou que están a facer dende a asociación para que non volva acontecer?

Foi un momento moi triste, porque notabamos moito, e aínda se nota, ao volver ao refuxio d'A Picaraña, o baleiro que está. Xa non son tantos os cans que chegan movendo a cola para recibirte, e faltan moitos dos que vimos medrar, e aos que lles demos até o biberón do pequenos que eran cando chegaron. Dende maio fixemos moitas concentracións en Ponteareas, e enviamos comunicados do acontecido aos medios, o que nos serviu para que a xente soubese do que estaba a acontecer e de cómo están as cousas no concello. Tamén non serviu para recibir o apoio dos veciños, sobre todo nos sábados, durante as feiras -cada sábado do mes pasado puxemos unha mesa informativa na feira de Ponteareas- porque os cidadáns íanse achegando e preguntando quen eramos, que faciamos... moita xente da vila nin sequera sabía da existencia do refuxio, nin das nosas actividades, polo que foi bo poder informar disto. Estamos tamén recollendo sinaturas, a pé de rúa e na web. Tamén enchemos de información a nosa páxina web e creamos un blogue e un fotologue no que subimos os vídeos, os manifestos e as cousas que imos facendo, dende o acontecido no maio pasado.

Que foi o que aconteceu? Que interese había en que morresen os cans?
Envelenáronos. Había penso envelenado con estrignina, que foi analizado, así como os cadáveres dos cans atopados. Os intereses que había en que morresen son os de sempre: económicos. Houbo un ruxe ruxe de que querían facer da área onde se atopa o refuxio un criadeiro de coellos, cousa moi difícil cos cans ao lado. Tamén están os vellos odios do concello por detrás.

Canto tempo hai que axuda na asociación? Como levan os dous refuxios?
Eu hai un ano que son voluntaria, e só uns meses que son vicepresidenta da Asociación Protectora de Animais Sen Fronteiras, mais levo todo a vida recollendo cans e cadelas abandonados na rúa. O que aconteceu é que hai un tempo que pensei en dar un paso máis, e pasar de axudar uns poucos a axudar a moitos. Daquela dinme conta das penurias polas que estaba pasando a protectora de Ponteareas e decidín botar unha man. Xa tiña pensado axudar na de Vigo, que é a cidade na que vivo, pero as súas condicións son mellores, o número de voluntarios é maior e o financiamento está garantido.

Non é así en Ponteareas, onde se atopa o refuxio máis necesitado, mais aínda que o de Tui -o outro que xestiona a nosa asociación- xa que o goberno municipal de Ponteareas -que acaba de mudar recentemente, mais ben a ser o mesmo que hai catro anos, PPdeG e UCPA- ignora por completo. Por lei, o concello debera manter a protectora, pasarlle un diñeiro, que está cobrando da Xunta, e poñerlle polo menos, un vehículo para transportar os cans e un teléfono propio. Pois non acontece nada disto. O concello non quere que a protectora estea na Picaraña. Eles prefiren unha canceira municipal privada, que mate os cans cando ninguén os adopta.

En Ponteareas temos que manter nós, os propios voluntarios, os membros da asociación e a xente que axuda, o refuxio. Non temos ningunha subvención, nin do Concello nin da Xunta. O refuxio de Tui está moito mellor, porque o concello desta vila si que cumpre mensualmente, coas cantidades pactadas. O que sobra de Tui, moitas veces vai para penso en Ponteareas.

Por que esta actitude dende o goberno municipal?

Pois porque eles xa tiñan hai anos unha canceira municipal privada, que tiña aos cans en pésimas condicións. Foi denunciada pola nosa asociación, e pechada. Naquela altura construímos o refuxio, que se atopa nunha área da Picaraña cedida pola mancomunidade de montes. Nós montámolo todo. O concello non axuda dende aquela.
Contra a masificación, que leva ao abandono e ao maltrato

Cal é o principal problema que se ten nunha protectora de animais?
A masificación. É o principal problema dos animais domésticos. Vén a ser un problema porque é a masificación a que leva ao abandono, e de aí ao maltrato. Para terminar con ela, débese informar á xente das vantaxes da esterilización. A meirande parte das campañas informativas da nosa asociación están encamiñadas a informar sobre a necesidade de esterilizar os animais domésticos: non é doloroso nin para cans nin gatos, é rápido, simple e evita moitos problemas. Os cans pódense esterilizar practicamente en dez minutos; coas cadelas é preciso un postoperatorio bastante curto. Non é unha operación moi cara, -o prezo varía segundo o tamaño do can- mais si moi necesaria.

Nós entregamos a todos os cans e cadelas adoptados, xa esterilizados. Se se controlase máis os cans non habería tanta masificación, non vivirían nas rúas morrendo de fame ou comidos pola sarna. Acontece o de sempre, fan moita graza de pequenos, pero de grandes xa non son tan bonitos e ocupan moito máis espazo. Cando á xente lle deixan de gustar os seus cans, ou pasan deles, ou os abandonan, ou matan mesmo os cachorros cando nacen, para evitar os mesmos "problemas" que lles deu a nai.

As persoas tendemos a pór os cans no noso lugar, pero non son humanos. Moitos deles, sobre todo as cadelas, ou as gatas tamén, sofren cos celos. Reprodúcense só cada seis meses, e non o "pasan ben". Coa esterilización das cadelas tamén se poden evitar os embarazos psicóloxicos e as mamites e tumores que adoitan provocar estes.

Alén da esterilización, que outras campañas desenvolven na súa asociación?
Alén de loitar contra a masificación e informar das vantaxes da esterilización, na asociación facemos una campaña anual por Nadal, fomentando a adopción, -xa que é unha época na que se adoita mercar e regalar cans ou gatos-, e tamén outra polo verán, contra o abandono.

Outra das nosas loitas é pola urxente modificación da Lei dos Dereitos dos Animais, -que consideramos está incompleta-, contra as touradas e pola creación dun censo, moi necesario, de animais domésticos. É case vital que se elabore este censo, xa que así estableceríase ao fin un rigoroso control sobre o número de animais domésticos que hai e saberíase a quen pertencen, garantindo o non abandono. É unha loita que vai levar o seu tempo gañar, pero xa vencemos nalgunhas batallas, como a obrigatoriedade do implantar do chip de control nos cans. E aínda se poden mudar moitas cousas.

En que se diferencia o traballo das protectoras como a de Ponteareas ou Tui do das canceiras?
Nós acollemos os cans, coidámolos mentres non son adoptados, e tentamos, por todos os medios, procurarlles un novo e bo fogar. Logo mesmo facemos un seguimento dos cans que foron adoptados, para saber cómo se adaptan eles e os novos donos. Nós nunca sacrificamos un can, a non ser que estea ao bordo da morte, cunha enfermidade terminal, e estea a sufrir de veras. Daquela, eutanasiámolo.

As canceiras sacrifican os cans que non son adoptados. Teñen vinte días para facelo. Nas protectoras e nos refuxios importan os cans; nas canceiras, os cartos. Eles venden os animais, e mesmo hai canceiras, como a de Gondomar, que ten varias denuncias de particulares e de empresas, e vende os cans que recolle, e mata os que non son "fermosos", os que non "teñen saída", a veces antes dos vinte días estipulados pola lei. Hai probas gráficas nas que aparecen os cans camiñando entre cadáveres doutros cans, e coñezo a xente que perdeu o can, foi na súa procura á canceira, e xa o tiñan matado, ou dábanllo a cambio duns cincuenta euros... cousas polo estilo. En definitiva: as canceiras son empresas privadas, onde o menos importante son os cans.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un dos cans envelenados no refuxio de Ponteareas
Un dos cans envelenados no refuxio de Ponteareas
Unha das cadelas asasinadas, que foi morrer á súa cama
Unha das cadelas asasinadas, que foi morrer á súa cama
Fanta, unha das cadelas envelenadas, nunha imaxe do libro de adopcións
Fanta, unha das cadelas envelenadas, nunha imaxe do libro de adopcións
Recollendo sinaturas contra os envelenamentos
Recollendo sinaturas contra os envelenamentos
Durante a concentración, diante do Concello de Ponteareas
Durante a concentración, diante do Concello de Ponteareas
Outra imaxe da concentración
Outra imaxe da concentración
Os vexiños de Ponteareas apoiaron os voluntarios fronte ao Concello
Os vexiños de Ponteareas apoiaron os voluntarios fronte ao Concello
Unha imaxe de Croque, un dos cans de Ponteareas
Unha imaxe de Croque, un dos cans de Ponteareas
Sancho tamén procura un fogar
Sancho tamén procura un fogar
Xela, outra das cadelas que viven n'A Picaraña
Xela, outra das cadelas que viven n'A Picaraña