No estudo Renovables 100%. Un sistema eléctrico renovable para a España peninsular e a súa viabilidade económica indícase que Galiza reúne as "mellores condicións" para xerar electricidade con enerxía eólica e mareomotora ao menor custo.
O informe ofrece solucións ecolóxicas para frear o cambio climático. Nel aparecen as comarcas galegas entre as mellores da península para produciren electricidade a menor custo en 2050, por medio da enerxía eólica terrestre ou mariña, mareomotora e xeotérmica. Renovables 100% conclúe que as tecnoloxías de menor custo no 2050 serán as que funcionen con enerxías renovábeis. A combinación entre varios destes sistemas de xeración permitirían cubrir a demanda de electricidade.
Greenpeace encargoulle o estudo ao Instituto de Investigación Tecnolóxica da Universidade Pontificia Comillas. As conclusións conseguen demostrar a viabilidade técnica e económica dos sistemas de xeración 100% renovábeis para cubriren a demanda eléctrica total da península. Ademais, os custos que carrexaría son asumíbeis e mesmo favorábeis, segundo Greenpeace. A asociación solicita que o Goberno estabeleza uns obxectivos de cumprimento obrigatorio para a planificación enerxética, a medio e a longo prazo. Prevese que a contribución das enerxías renovábeis á xeración de electricidade acade a metade do total no ano 2020, e o 100% no 2050.
É posíbel evitar o cambio climático
Raquel Montón, responsábel da campaña de Cambio Climático de Greenpeace, amosouse optimista: "é posíbel evitar un cambio climático perigoso se poñemos en marcha unha revolución enerxética para lograr que as enerxías renovábeis substitúan ás sucias".
Con este informe, Greenpeace achega novidades ao debate sobre o cambio climático: logo de confirmaren o grupo de expertos das Nacións Unidas (IPCC) a gravidade dos impactos do cambio climático provocado por queima de combustíbeis fósiles, esta investigación achega a esperanza. "As barreiras non son técnicas, senón, fundamentalmente, de vontade política".
O informe constitúe o elemento central da campaña Revolución Renovábel, coa que Greenpeace pretende mobilizar á sociedade: "o cambio empeza aquí, a campaña ten como obxectivo facer chegar a toda a sociedade en xeral, e en particular aos responsábeis de tomar decisións sobre política enerxética, a información necesaria para asumir que un modelo enerxético limpo é posible".A gran achega consiste en que o estudo pon ás claras a viabilidade técnica e económica dos sistemas de xeración 100 % renovábeis. Son necesarios aínda procesos de análise, pero xa está demostrado que é factíbel. Xa na primeira parte do estudo (Renovábeis 2050) demostrábase que no territorio peninsular disponse de fontes renovábeis abondo como para se producir 56 veces a demanda de electricidade proxectada en 2050.