Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Tamén poderán titorizar alumnos

Os mestres que nomea o arcebispado poderían ocupar cargos directivos nas escolas

Desde o Sindicato de Traballadores do Ensino denuncian os privilexios a un milleiro de docentes que non pasaron máis peneira que "a habilitación dada pola xerarquía eclesiástica".

Redacción - 18:01 09/07/2007

"A selección do profesorado de relixión non é pública e ademais é subxectiva en función da coincidencia ideolóxica coa doutrina oficial da confesión da que se trate", recordan desde o Sindicato de Traballadores do Ensino, STEG. Por iso, subliñan que tarefas como a asunción da dirección de centros, realización de titorías, dinamizacións e outras, deben exclusivamente realizadas polo profesorado que pasou un proceso selectivo "público e en igualdade de condicións".

Desde a formación sindical relatan para Vieiros que o Real Decreto 696/2997 do 1 de xullo simplemente estabeleceu que os contratos do profesorado de relixión pasaran de temporais a indefinidos. Xosé Cabido, voceiro do STEG, explica que o decreto só obrigaba a Galiza a desenvolver unha orde que regulamentase ese proceso e paradoxalmente Educación incluíu dous artigos que "exceden o ámbito do que pode exercer nun centro este profesorado". Trátase dos artigos que permitirían que estes profesores de relixión sexan nomeados para cargos directivos e que realicen funcións de titoría, gardas e demais.

"Desprestixio" para o labor dos titores
Desde o STEG reflexionan que unha función tan importante como a titoría non pode deixarse nas mans de persoas sen a capacitación necesaria e que foron contratadas "coa misión de instruír nos contidos dunha confesión relixiosa concreta".

Ademais, reprochan que os argumentos defendidos pola xerarquía católica, encargada de seleccionar este profesorado, vai de feito contra o espírito da Lei de Ordenación Educativa e da materia de Educación para a Cidadanía. Por iso, critican que se pode dar o paradoxo de que cativos que non cursen relixión teñan como titores no centro a profesores de relixión.

O sindicato recoñece que este tipo de situacións "alegais" xa puido estarse producindo nalgúns centros. Por iso, promoverán unha campaña contra esta "concesión aos sectores máis conservadores" e animarán a nais e pais a denunciaren estes casos aló onde se produzan. Ademais, estudan un posíbel recurso contra esta orde, que piden que non sexa publicada no Diario Oficial de Galicia, DOGA.


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: