Afirma que o Plan de Seguridade Viaria elaborado pola Xunta "serviu de modelo para outras Comunidades Autónomas".
O director xeral da DXT, Pere Navarro
O director xeral de Tráfico, Pere Navarro, pediu este venres desculpas e aclarou que na súa intervención radiofónica da quinta feira intentaba transmitir a idea de que a redución da siniestralidade se produce tamén en Galiza como no Estado, mais co matiz de que "hai un pesimismo que dificultaba valorar os avances".
"Pido desculpas a quen puidese sentirse ofendido ou agraviado polo comentario realizado, porque nada está máis lonxe da miña intención," afirmou Pere Navarro, segundo informou a Dirección Xeral de Tráfico (DXT).
"Hai pesimismo"
Porén, insistiu en que hai "un pesimismo que dificulta valorar os avances, a evolución positiva e os bos resultados que Galiza estaba a obter en materia de seguridade viaria". "É posíbel, á vista dos resultados, que esta resposta non fose do todo afortunada, mais a pregunta formulada é recorrente e reitérase en diversos foros sobre por que non se reduce a siniestralidade galega", subliñou.
Neste senso, indicou que a realidade é que en Galiza, dende a posta en vigor do carné por puntos, o número de vítimas mortais "reduciuse un 10,84%" e que nese período "esta comunidade obtivo mellores resultados que outras cinco".
Plan galego, "modelo"
"É mérito dos cidadáns galegos que están a incorporar a cultura da seguridade viaria aos seus comportamentos", matizou. Nesta liña, apuntou que o Plan de Seguridade Viaria elaborado pola Xunta "serviu de modelo para outras Comunidades Autónomas", e insistiu en que a loita contra os accidentes de tráfico "é longa e difícil".