Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Un século do seu nacemento, este venres

Arte, sufrimento e dólares no centenario de Frida Kahlo

Denantes de morrer aos 47 anos de idade, a pintora mexicana escribiu no seu diario: "Espero que a marcha sexa feliz e espero non volver".

Redacción / Axencias - 11:30 06/07/2007
A artista mexicana Frida Kahlo cumpriría este venres 100 anos

A artista mexicana Frida Kahlo cumpriría este venres 100 anos

Malia o seu desexo, Frida Kahlo rexurdiu en diversas épocas e agora con máis forza, ao se cumpriren cen anos do seu nacemento este venres 6 de xullo. Nos anos setenta, o movemento feminista fixo dela o seu estandarte. Tres décadas despois é unha lenda que ornamenta camisetas, bolsos, bonecas, perfumes, zapatillas deportivas e unha marca de tequila.

A 'fridomanía' chegou até as nubes: a compañía aérea Aeroméxico puxo o nome de Frida a un Boeing 777 e os cadros da pintora son os máis cotizados da arte latinoamericana, cunha cifra marca de 5,6 millóns de dólares (máis de 4 millóns de euros) pola súa obra Raíces, pagados nunha poxa o ano pasado.

Publicacións, estudos, filmes
Poucos personaxes da arte lograron semellante proxección. A biografía e o traballo de Magdalena Carmen Frida Kahlo y Calderón, o seu nome completo, foron fonte inesgotábel de estudos, publicacións, obras de teatro e filmes.

"Todos se senten atraídos pola traxedia", afirmou Salomón Grimberg, estudoso de Kahlo. A artista foi sometida a 33 operacións, tormentosos tratamentos e a amputación dunha perna logo dun accidente de tráfico que tivo aos 18 anos.

Nacida o 6 de xullo de 1907 no pobo de Coyoacán, que hoxe forma parte da capital mexicana, a esposa do muralista Diego Rivera foi unha muller avanzada para a súa época e unha activa militante comunista. Segundo Martha Zamora, unha das súas biógrafas, o seu atractivo radica en que "transgrediu os límites do prohibido".

"Non son surrealista"
Durante 31 anos, a maior parte prostrada nunha cama ou nunha cadeira de rodas, pintou máis de 200 óleos, moitos deles autorretratos. "Non son surrealista, nunca pintei os meus soños", dicía Frida.

O centenario do seu nacemento celébrase en México con dúas grandes mostras: unha xigantesca exposición con máis de 350 obras no Palacio de Belas Artes da capital mexicana, e unha de material inédito na casa-museo da artista. En dúas semanas e media preto de 75.000 persoas achegáronse até Belas Artes para contemplar 65 óleos, máis dun cento de fotografías e grande cantidade de cartas da artista.

A outra gran mostra, a da Casa Azul, onde Frida naceu e viviu xunto ao seu gran amor, Diego Rivera, amosa parte dun vasto tesouro documental achado hai uns anos e nunca até o de agora exposto.


Ligazóns

0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: