A conexión Portugal-Brasil serviu esta semana para o deseño dunha alianza estratéxica ás dúas beiras do Atlántico con obxectivos estritamente económicos.
Cifras coma o 22,5% que suman na actualidade sobre o total de exportacións brasileiras o comercio cara á Unión Europea, ou o 22,1% sobre as importacións, foron destacadas esta semana en Lisboa. No encontro, o presidente brasileiro, Luiz Inácio "Lula" da Silva, opinou que o éxito da alianza estratéxica entre Brasil e a UE dependerá da relación económica que estabelezan nos próximos anos. "Trátase dunha iniciativa que vai moito máis aló do comercio e os investimentos, pero o seu éxito dependerá da profundización aínda maior nesas relacións económicas", explicou.
Xa que logo, os asistentes á reunión destacaron as oportunidades para unha colaboración máis ambiciosa, que abranga campos como a ciencia e a tecnoloxía, o medio ambiente, e tamén especialmente o ámbito educativo e cultural. Do mesmo xeito, amosouse a vontade de coordinar estratexias arredor de asuntos na axenda internacional como a reforma das Nacións Unidas ou a loita contra o cambio climático.
Ao respecto deste último tema, Lula indicou que na súa opinión "o etanol e o biodiesel abren o camiño para unha verdadeira revolución das economías dos países máis pobres, xa que xeran emprego, renda e seguridade alimentaria, fixando poboación na terra e fornecendo unha nova alternativa para as aspiracións de desenvolvemento". Lula avanzou que defenderá esa posición na xuntanza que desde este xoves ten lugar en Bruxelas: o Cumio Internacional sobre Biocombustíbeis.