Confirmado aumento da pena contra o ex militar arxentino acusado de crimes na ditadura en Arxentina. Mentres, de Chile chega a noticia da morte no cárcere de Osvaldo Romo.
O Tribunal Supremo español anunciou este mércores que logo de considerar as acusacións particulares contra Adolfo Scilingo, o ex capitán de fragata acusado de ducias de detencións ilegais, torturas e asasinatos, aumentaba en 444 anos de prisión a condena contra el. Scilingo foi detido hai xa dez anos e sometido a un xuízo que remata con sentenza de 1.084 anos por delitos varios. Na práctica, cumprirá unha pena máxima de 25 anos no cárcere.
A noticia coincide coa información que chega de Chile sobre un personaxe implicado noutra das crueis ditaduras latinoamericanas. Osvaldo Romo Mena era considerado como un dos principais actores da represión desenvolvida polo rexime de Augusto Pinochet, e implicado en numerosos crimes. Na madrugada do mércores, Romo faleceu á idade de 70 anos dun paro cardíaco na prisión de Santiago de Chile onde permanecía recluído.
Romo é recordado ademais non só por recoñecer durante o proceso xudicial o seu protagonismo nos crimes da ditadura de Pinochet, senón por asegurar sentirse "orgulloso" das súas accións. Na obra "Confesións dun torturador", a xornalista Nancy Guzmán recolle as declaracións de Osvaldo Romo onde este asegura que volvería a facer todo o que fixo. "Faríao igual e peor aínda", aseguraba, "acéptoo, son un torturador".