Na cuarta feira a directora xeral para o deporte presentou os dous clubes galegos que van participar na liga estatal de traiñeiras que arrinca o vindeiro sábado.
A ACT presentouse en terras galegas nesta cuarta feira coa presenza da directora xeral para o Deporte, Marta Souto; do erente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez; e dous directivos dos clubes galegos que van competir na ACT: o Cabo de Cruz e o Mecos. Tamén estaba presente o xerente de ACT, Iñaki Mikeo.
A competición arrinca o vindeiro sábado 7 de xullo, por primeira vez dende a costa galega: sae da Ría de Arousa, d'O Grove, e no día a seguir celébrase unha outra regata en Boiro, para despois comezar a súa habitual xira polo Cantábrico.
"Agardamos que a nosa presenza aumente, tanto en número de embarcacións como de regatas"
Marta Souto destacou, ademais na presentación, que sería bo que aumentase o número de embarcacións galegas nesta liga, e que a presenza de Galiza como sede das probas vaia aumentando, xa que no noso país "temos unhas infraestructuras naturais excepcionais, coma son as nosas rías", e hai que aproveitalas.
Liga ACT
A quinta edición desta liga de traiñeiras comeza no sábado xuntando as 12 mellores tripulacións do Cantábrico, e agora dúas máis das rías galegas, que competen pola Coroa ACT. Este ano hai 18 regatas puntuábeis que se desenvolven, segundo din dende a organización, entre o día de San Fermín e o 23 de setembro.
Durante estos tres meses, os participantes van percorrer case 1.000 quilómetros que separan O Grove de Hondarribia, en Guipúzcoa.Este ano hai novas regatas incluídas na proba, e varias actividades dirixidas aos afeccionados, para que non aborrezan. Tamén adoitan entregar unha txapela ao vencedor de cada xornada, xunto cunha Ikurriña.
Para saber máis, teñen esta web.