O símbolo da capital d'A Bretaña é esta goleta presente en todas as Festas do Mar organizadas nesta localidade mariñeira. Trae a bordo cinco mariños e unha fermosa dama na proa. A súa chegada a Curuxeiras está prevista para a quinta.
Símbolo de Brest, La Recouvrance, leva o nome do máis antigo e célebre barrio da cidade. Foi botada en 1992 e é a réplica perfecta dun aviso, un barco militar de 1817, destinado á vixilancia das costas de África e das Antillas -colonizadas naquela altura polos franceses, e a transmitir os "avisos urxentes" do vello continente.
A fermosa embarcación é propiedade da cidade de Brest e forma parte da quintaesencia dos barcos costeiros bretóns, é embaixadora da cidade e d'A Bretaña en moitos peiraos europeos, como o de Curuxeiras, desta volta. Cada catro anos é tamén o símbolo da Festa do Mar da súa cidade, -que se inaugurou en 1992 coa botadura desta embarcación- e tamén participa nos certames e festas do mar, organizados na localidade de Douarnenez.
Foi construída, segundo os planos do enxeñeiro Hubert, de 1817, para participar no concurso "Bateaux des Côtes de France", por unha asociación formada por mariñeiros e xentes de Brest, a cámara municipal e varias empresas privadas da cidade, que financiaron o proxecto. En 1992 estaba terminada. La Recouvrance mide 42 metros de longo; 25 m. de casco; 6,40 m. de manga; 3,20 m. de calado; pesa unhas 150 toneladas e ten dos mástiles de 450 m. de arboladura.
Toda a información sobre esta fermosa e rápida goleta pode consultarse na súa propia web. A chegada de La Recouvrance ao peirao ferrolánestá rpevista para a quinta feira, no día xusto que comezan os encontros.
A Festa do Mar de Brest
Brest é a capital d'A Bretaña e unha cidade de fonda tradición mariñeira. Cada catro anos celebran a súa Festa do Mar, e a vindeira vai ser entre o 11 e o 17 de xullo de 2008, e Galiza vai de convidada de honra.
O encontro de Brest é un acontecemento único onde se reúnen máis de 2.000 embarcacións tradicionais e clásicas, e milleiros de visitantes, sendo considerada unha das feiras marítimas máis importantes do mundo. Cada pobo que viaxa á capital da Bretaña, vai para amosar a riqueza e a diversidade da súa tradición e cultura ligada ao mar.
Todas os países marítimos de Europa teñen a súa representación en Brest, e Galiza vai ter o ano que vén unha village propia, a village galega, formada por varias carpas, a carón do peirao, no que se amarrarán as embarcacións do país.
A Brest vai viaxar unha delegación da Consellaría de Cultura e unha outra da FGCMF, representando as case corenta asociacións que a compoñen. Na village galega tamén vai haber exposicións, obradoiros, varias mostras do patrimonio cultural galego vencellado ao mar e ás actividades de ribeira, ademais de actuacións en directo de varios grupos do país.