De 4 a 40 anos de vida danlle ás reservas mundiais de petróleo. Ninguén parece saber até cando responderán á demanda os pozos petroleiros. Mentres, as enerxías renovables perfílanse como a gran alternativa ante esta crise.
Un recente estudo do xigante petroleiro BP asegura que as reservas de bolsas de petróleo en todo o planeta permitirían cubrir a demanda durante un período de corenta anos ao ritmo de consumo que a sociedade mantén na actualidade. Os científicos do chamado Oil Depletion Analyse Centre, en cambio, tachan estas previsións de "demasiado optimistas" e alertan de que en catro anos se iniciará unha forte caída da produción. En opinión deste colectivo de investigadores, a cota máxima de produción vaise alcanzar de forma inminente e calculan que en 2011 a produción petroleira comezará a caer con forza. Ademais, anuncian que este feito terá un forte impacto para a economía mundial.
Colin Campbell, ex-vicepresidente de importantes compañías do sector como a mesma BP, Shell ou Chevron Texaco, explicaba hai pouco nunha entrevista ao periódico The Independent que as reservas de petróleo máis baratas para a súa extracción xa hai dous anos que se esgotaron.
Aumento da demanda
A economía mundial consume 82 millóns de barrís diarios pero a Axencia Internacional da Enerxía, aínda que recoñece que a produción dos pozos petroleiros está comezando a caer, prevé que a demanda seguirá medrando e chegará aos 113 millóns de barrís diarios en 2020.
O petróleo é, cun 34% do total, a fonte de enerxía máis utilizada para o consumo a nivel mundial, segundo se explica no seguinte vídeo, publicado en 'Youtube'. É tamén a compoñente con maior peso no balance da Organización de Países Exportadores de Petróleo (OPEP). Mentres, as enerxías alternativas non supoñen nin o 1% do consumo mundial na nosa sociedade.
Cando se acabará o petróleo?Saber cales son exactamente as reservas dispoñíbeis de petróleo é un tema economicamente vital pero cientificamente complexo. Sen dúbida, o petróleo é hoxe a principal fonte de enerxía do mundo. Necesitámolo para o transporte, para a industria e para o comercio. Pero, até cando imos podelo seguir utilizando?
Para as petroleiras a solución pasa por descubrir novos pozos, pero os científicos advirten que esta idea é pouco realista e que comportaría elevados custos económicos e medioambientais. "Para contrarrestar estes gastos o petróleo debería ser moito máis caro, o que tería enormes consecuencias para a economía actual", explican desde o Oil Depletion Analyse Centre.
A publicación do Informe Estatístico sobre a Enerxía no mundo prendeu o lume da polémica entre a industria e os científicos e ecoloxistas. Estes últimos, critican que non se tomen medidas e reclaman que se comecen a tomar en serio as enerxías alternativas.
Alternativas ecolóxicas e sostibles Esa é precisamente unha das solucións polas que apostan os científicos ante a crise das reservas de petróleo. "Debemos promocionar as enerxías alternativas, xa que teñen a capacidade de non contaminar o medio ambiente e non afectan polo tanto á sociedade e ademais, son renovábeis", explican membros do Oil Depletion Analyse Centre.
No Estado, unha das enerxías renovábeis que máis se está a comezar a desenvolver é a
enerxía eólica . En 2006, había instalada unha capacidade de enerxía eólica de 11.615 megavatios, sendo así o segundo país no mundo en canto a produción, xunto con Estados Unidos, e só por tras de Alemaña. Hai só tres meses, a enerxía eólica bateu unha nova marca de produción, ao alcanzar os 8.375 megavatios, grazas ao forte vento que bateu en gran parte da península. Segundo datos de expertos e analistas en enerxía, esta é unha potencia superior á producida polas seis
centrais nucleares que hai en España que suman 8 reactores e que xuntas xeran 7.742,32 megavatios.
Desde hai uns anos considérase que a nivel estatal é maior a capacidade teórica de xerar enerxía eólica que nuclear e as cifras demostran xa a segunda posición a nivel mundial de enerxía eólica, despois de Alemaña. A lei sobre enerxías alternativas pretende chegar aos 20.000 megavatios de produción eólica en 2012. A enerxía eólica é, pois, moi efectiva, pero o único problema é que non é posible instalar aeroxeneradores en calquera zona, porque é necesario que o vento sexa constante.
Por iso, procúranse máis alternativas. Cada vez máis gobernos comprométense con fontes renovábeis como a auga, que xera a
enerxía hidráulica , x
eotérmica e
oceánica ou mareomotriz ou o sol que pode xerar
enerxía solar , (que utiliza a radiación solar co uso de paneis solares). Nos últimos anos tamén comezou a despegar o desenvolvemento da enerxía da
biomasa, que utiliza a descomposición de residuos orgánicos.
A utilización destas fontes renovables comporta un modelo enerxético alternativo ao imperante na actualidade, que se basea nas seguintes premisas:
A explotación extensiva das fontes de enerxía, propondose como alternativa o fomento do autoconsumo, que evite na medida do posible a construción de grandes infraestruturas de xeración e distribución de enerxía eléctrica .
A diminución da demanda enerxética, mediante a mellora do rendemento dos dispositivos eléctricos (electrodomésticos, lámpadas, etc.)
A explotación destas fontes non produce axentes contaminantes que prexudiquen a saúde do medio ambiente e social.