A documentación para se matricular nos centros non contempla a opción de cursar na lingua de Galiza a materia de Xeografía e Historia.
A Associaçom Cultural Fala Ceive do Bierzo denunciou os novos obstáculos que se está a pór ao estudo da lingua galega nalgúns institutos de Ponferrada, durante o proceso de matriculación que se está a levar a cabo estes días.
Concretamente, no IES Europa de Ponferrada, a documentación da matrícula de segundo, terceiro e cuarto da ESO non recolle a opción para poder elixir a materia de Xeografía e Historia en galego, e evita facer calquera mención ou informar desta posibilidade.
Situación administrativa "irregular"
Segundo manifestou Fala Ceive, a situación, "contraria ao dereito que lles asiste aos alumnos", obriga ás persoas interesadas en cursar esta materia en galego, a telo que indicar en calquera lugar da documentación ao non existir outro lugar específico.
"Denunciamos esta situación administrativa, totalmente irregular, que supón un novo intento por dificultar a implantación do ensino da nosa lingua no instituto Europa", afirmaron, e engadiron que "a mesma denuncia foi xa feita no curso pasado ante o Procurador del Común (Valedor do Pobo, de Castela e León)".
Fala Ceive solicita que a dirección do centro "repare de inmediato este prexuízo", dado que a maioría dos alumnos xa entregaron a documentación sen poder optar pola opción de estudar Xeografía e Historia en galego.
Materia de Lingua Galega
Por outra banda, varios membros da comunidade escolar do instituto Virgen de la Encina de Ponferrada, denunciaron que a dirección do centro, ao igual que no curso pasado, tampouco oferta a materia de Lingua Galega en segundo da ESO, polo que Fala Ceive volverá presentar a correspondente queixa ante o Procurador del Común.