O Instituto da Muller rexistra entre xaneiro e maio un total de 2.912 denuncias de mulleres contra a súa parella ou ex parella debido a malos tratos.
Desde xaneiro, en Galiza foron asasinadas cinco mulleres polas súas parellas, a última o sábado 23 de xuño, día no que foi achada morta en Oleiros a veciña Estrela L.G., de 76 anos, asasinada a golpes polo seu marido, Xosé A.R. de 74 anos. A vítima solicitara hai uns meses que se lle retirase a orde de afastamento que pedira contra o seu esposo.
No resto do Estado, no mesmo período foron asasinadas por parellas ou ex parellas un total de 38 mulleres, catro máis que no mesmo período do ano anterior. Nove dos asasinatos producíronse o mes de xuño. Un 30% das falecidas estaban en fase de ruptura coa parella. Quince das asasinadas eran de orixe estranxeira. Tamén a nivel estatal, a cifra de denuncias entre xaneiro e maio deste 2007 suma 24.694, unha media de 151 mulleres presentando denuncia cada día.