Saen este domingo no buque 'L'Atalante' para identificaren e avaliaren os riscos sedimentarios e tectónicos da zona.
Investigadores do Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona, o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España e as Universidades de Cádiz e Vigo, traballarán ao longo de 36 xornadas na zona de afundimento e noutras áreas adxacentes, co fin de organizaren actividades preventivas e preparatorias, e estabeleceren as condicións técnicas precisas para a seguridade das persoas e obras civís que se poidan ver afectadas polo vertido de fuel que tivo lugar hai case cinco anos.
Este mesmo buque, do Instituto Francés de Investigación para a Explotación do Mar (Ifremer), levara á zona do afundimento ao 'Nautile', o pequeno submarino que taponara as fendas do casco, hai catro anos. Agora, a nave volverá á zona en dúas campañas: unha entre o 1 e o 17 de xullo, con saída e chegada ao Porto de Vigo, e outra que sae tamén de Vigo o 1 de agosto e aportará en Cádiz o 17 dese mes.
O estudo abrangue inspeccións relacionadas coa morfoloxía, estratigrafía, tipos de fondo, estruturas tectónicas, migración de fluídos, e propiedades físicas, xeoquímica e xeotecnia que caracterizan o sedimento do fondo. Gemma Ercilla coordina a investigación, e o primeiro subproxecto, correspondente ao Instituto de Ciencias do Mar de Barcelona. No subproxecto 2, con Luíis Somoza ao fronte, participa o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España xunto coa Universidade de Cádiz, e o terceiro, da Universidade de Vigo, realizarase baixo a coordinación de Soledad García-Gil.