Competía con Carvalho Calero ou Lois Pereiro, pero finalmente foi o escollido pola Real Academia Galega neste sábado para ser o vindeiro autor homenaxeado no Día das Letras.
Xosé María Álvarez Blázquez
A RAG destacou que Álvarez Blázquez foi "o exemplo perfecto dun home polígrafo, erudito e interesado pola historia, a arqueoloxía ou a literatura", e destacou tamén o seu "importante labor" como editor.
Unha das voces do neotrobadorismo
Naceu no 1915 en Tui (Pontevedra), e militou na Federación de Mocidades Galeguistas e no Partido Galeguista. Xunto a Luís Viñas Cortegoso, fundou a Editorial Monterrey no 50, e no 64 fundaría Edicións Castrelos. Entrou a formar parte da RAG no 62. Morreu en Vigo hai xa 22 anos.
Da súa obra en galego, destacan a colección de relatos Os ruíns (1936) e A pega rabilongo e outras historias de tesouros (1971), no xénero da narrativa infantil. Entre a súa obra lírica, o poemario, realizado xunto co seu irmán Emilio, Poemas de ti e de min (1949), Roseira do teu mencer (1950), Cancioneiro de Monfero (1953), unha das obras claves do neotrobadorismo, Romance do pescador peleriño (1954), ademais de Canle segredo, escrito no 54 e publicado no 76. Como ensaísta, publicou Escolma de poesía galega II: A poesía dos séculos XIV a XIX (no 59), Escolma de epigramas (1968), e Escolma de poesía medieval (1975),
Novo recoñecemento para John Rutherford
Por outra banda, a academia acordou nomear Académico de Honra ao profesor John Rutherford (Inglaterra, 1941), recentemente galardoado co Premio Trasalba, profesor titular da Facultade de Español do Queen's College e director do Center for Galician Estudies de Oxford. Del valorou que se trata do "representante máis destacado do hispanismo británico" en relación con Galicia.