Dende esta fin de semana e até que remate a troula do verán teredes novas de centos de festas por todos os recunchos do país.
Vieiros, coa colaboración de Turgalicia, recupera o especial de Festas para que non perdades nin unha soa. Non vos pedimos que teñades o don da ubicuidade, senón que vos ofrecemos unha ferramenta útil para que poidades administrar o tempo de lecer como estimedes. Incorporamos unha novidade con respecto a edicións anteriores; a posibilidade de que localicedes o punto exacto en que se vai desenvolver o evento. Como xa dixemos, procuramos que vos sirvades ben, e que mellor xeito que o de darvos a posibilidade de que nos enviedes a vosa proposta de festa, tanto sexa cultural, como gastronómica, musical ou a que queirades. Teredes un formulario ao voso dispor.
Adiantamos que esta fin de semana haberá propostas para todos os gustos, desde a festa do pan de Cea, até a rapa das bestas de Viveiro ou diversos eventos musicais. Entre estes atópanse o concerto do Xacobeo en Mondoñedo ou as propostas culturais de doce países diferentes que trae IntegrArte a Vigo, por non falar da XIV edición do festival folque de Naraío. Quen dá máis? Imos de festa.