Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
En xullo e agosto

Uns robots baixarán onda o 'Prestige' para revisaren as fugas

A empresa Repsol será a encargada de facer a prospección submarina encargada polo goberno español.

Redacción - 19:26 29/06/2007
O Prestige, no momento do afundimento

O Prestige, no momento do afundimento

Entre os meses de xullo e agosto uns robots baixarán ao lugar en que se atopa afundido o Prestige para revisar o casco e detectar posíbeis fugas. O secretario xeral de Pesca, Miguel López Sieiro, anunciouno este venres na comisión do Parlamento. Con esta medida, cumprirase o compromiso acadado polo goberno español o 23 de marzo de encargarlle unha prospección submarina á empresa encargada do selado do buque, Repsol.

As manchas aparecidas na zona en que afundira o petroleiro en novembro de 2002 levaron a solicitar a inspección do barco, que farán dispositivos non tripulados cun custo de 3 millóns de euros. Calcúlase que nas adegas do Prestige aínda fican 1.500 toneladas de combustíbel e que a vertedura é duns 20 litros diarios, segundo López Sieiro.

O secretario xeral asegurou que as administracións galega e española están a colaborar e a compartir toda a información. Paralelamente, o equipo científico técnico está a elaborar un plan de I+D para garantir no futuro un protocolo de actuación ante un suposto de contaminación mariña.

O deputado do BNG Bieito Lobeira lembrou a recomendación do Instituto de Oceanografía (IEO) de seguir vixiando a área despois de que se detectase fuel nas inmediacións da zona do afundimento. Tamén apelou á Xunta a que estea “continuamente informada” para poder tomar medidas no caso de verteduras procedentes do océano.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: