A institución aprobou o informe de investigación sobre a actividade secreta da CIA e pediu indemnizacións para os afectados polos voos con presos e os cárceres secretos.
A asemblea dos 47 países presentes no Consello de Europa aprobou un informe que non deixa lugar a dúbidas e subliña que cando menos queda probado que Romanía e Polonia colaboraron activamente coas actividades ilegais da axencia estadounidense de espionaxe, a CIA, en territorio europeo e entre os anos 2002 e 2005. Ao tempo, insinúa que tamén noutros casos se puido producir esa colaboración.
"Varios países estanse agochando baixo o concepto de secreto de Estado para encubriren abusos aos dereitos humanos", laiouse Dick Marty, o diplomático suízo que coordinou as investigacións. Marty cualificou de "inaceptábel" esta actitude e criticou o "muro de silencio" co que na súa opinión foi recibido o informe nos gobernos europeos. Fronte á belixerante resposta dos representantes polacos e romaneses, Marty lembroulles que a investigación contrastou a información recollida coa propia administración estadounidense e que o informe inclúe detalles moi concretos e contrastados. Ao respecto, o presidente da asemblea do Consello de Europa, René Van der Linden, lembrou que o propio presidente estadounidense recoñeceu as facilidades concedidas por varios países europeos para as detencións secretas.