Este 21 de xuño rematou o primeiro semestre da que xa é a cuarta edición de Sons da Diversidade, un programa que cada ano leva as mellores músicas do mundo a Compostela. Vieiros falou co actual concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais da cidade para botar a vista sobre estes case catro anos de Sons.
Vieiros: Como xurdiu a iniciativa de crear Sons da Diversidade?
Néstor Rego: Eu asumín por primeira vez a Concellaría de Cultura en febreiro do 2004, que ademais era Ano Xacobeo, e unha das primeiras cousas en que pensei foi que nunha cidade como Compostela era necesario un ciclo que achegase a produción musical internacional aquí. Nordesía fixo unha proposta, e de aí xurdiu Sons da Diversidade.
Xa naquel 2004 conseguiu converterse non só nunha novidade, senón xa nunha referencia: daquela houbo 13 concertos, dende Luz Casal até Berrogüetto, Lila Downs, Chico César... Agora xa ten un prestixio, non só en Compostela, senón en Galiza. Aos concertos vén xente de todas partes.
V.: Existía algún referente previo no que inspirarse?
N.R.: Non, simplemente tentamos facer un ciclo que fose máis alá do que era habitual. A posibilidade de ver estes artistas en Compostela era reducida, non sendo na iniciativa privada, que prima o máis comercial, dende o punto de vista económico. O que nos interesaba era que tivese unha rendibilidade cultural.
V.: Cales son os criterios que se seguen á hora de programar e escoller os artistas?
N.R.: Hai un denominador común que é sempre a calidade. A partir de aí, tamén se segue o criterio de combinación de propostas diferentes que respondan a ese carácter da diversidade, non só en canto á procedencia dos artistas, senón tamén de linguas, de culturas e mesmo de estilos musicais. Hai unha presenza significada do mundo da lusofonía, combinada con artistas europeos, de África, de onde hai un gran número de artistas que teñen pouco recoñecemento entre nós, de Asia, de América, e por suposto de Galiza.
Xa no primeiro ano houbo unha experiencia moi interesante: "Ao Pé da Letra" levou aos nosos artistas por toda Galiza, amosando as tendencias máis emerxentes da nosa música con letra, dende diferentes estilos.
V.: Até que punto serviu Sons precisamente para espallar e difundir a creación destes artistas emerxentes?
N.R.: Unha das cousas interesantes de Sons é que posibilita o coñecemento mutuo, o diálogo de culturas. De feito, houbo artistas que interviñeron uns nos concertos de outros, como Uxía no de Chico César. Iso sempre é unha experiencia positiva. Mesmo para os artistas galegos é xa unha marca de prestixio participar en Sons da Diversidade. Marful, por exemplo, tivo enorme éxito dende que presentou o disco en Sons.
V.: Cales foron os grandes fitos? Sons deunos a oportunidade de gozarmos en Galiza de espectáculos como o de Goran Bregovic, que atraeron moitísimo público.
N.R.: Mesmo o primeiro concerto, de Luz Casal, simplemente voz e piano, até Lluís Llach, que deu o seu último concerto en Galiza, houbo moitos... En varios deles esgotáronse as entradas: Bebo Valdés, Cesária Évora, Goran Bregovic, e mesmo Khaled, arrasaron. Todos os concertos foron de enorme interese. Algúns deles, pola demanda que tiveron, case requirían que se fixese sesión dobre.
V.: Como se estabeleceron as canles de participación do público?
N.R.: Comezou por unha enquisa feito do xeito máis simple, preguntándolle ás persoas asistentes a cada concerto a súa opinión, ou suxestións para as actuacións seguintes. Na páxina web, que ademais é un medio polo que os seguidores de Sons da Diversidade se informan, contribúese a canalizar as opinións.
V.: Como repercutiu Sons da Diversidade nas iniciativas culturais posteriores? Cada vez hai máis interese pola world music...
N.R.: Si, efectivamente, asentou unha tendencia. De feito, é sorprendente ver como se organiza un ciclo de música brasileira dende Caixa Galicia, ou como en varias cidades xorden iniciativas semellantes. É curioso como estas iniciativas menos comerciais atraen espectacularmente ao público.
V.: E á hora de servir para o diálogo entre profesionais da música de diferentes latitudes?
N.R.: Pois algún artista compostelán podería contarnos a súa experiencia... De feito, moitos artistas repetiron, como Moreno Veloso e Domenico Lancelotti, que estiveron o primeiro ano e este volveron acompañando a Adriana Calcanhotto, Chico César, que estabeleceu unha relación artística con Uxía, Manecas Costa... Foi moi frutífero como experiencia.
V.: En que medida axudou a familizarizar ao público compostelán co Auditorio de Galicia e coa súa programación cultural?
N.R.: Foi moi positivo: cando no 2004 asumín a Concellaría de Cultura, o Auditorio era un importante contedor cultural, pero estaba asimilado á música clásica e a exposicións de plástica. Un dos meus obxectivos era facer rendíbel ese grande equipamento cultural e abrilo a outras manifestacións culturais e artísticas, atraendo públicos diversos. Había certa actitude reverencial en torno ao Auditorio, parecía encamiñado a actividades elitistas... E conseguiuse abrir a todos os públicos. Sons serviu tamén para asentar un público atento á vida cultural da cidade.
V.: Nesa liña encamiñada a abrirse a máis públicos vai tamén Sons na Rúa, que xa botou a andar o ano anterior e a semana pasada pechou este primeiro semestre. Como naceu a idea?
N.R.: Despois de dous anos da experiencia de Sons, vendo que era un ciclo que se estaba asentando, cun público xa definido, pensamos en achegar un público máis mozo, e pensamos en levar Sons á rúa e abrilo a máis estilos: hip hop, música electrónica...
V.: Como valora, en resumo, estes tres anos e medio de Sons?
N.R.: Os nosos obxectivos cumpríronse sobradamente: pensabamos nun ciclo que se convertese nunha xanela para achegármonos a producións musicais internacionais, que posibilitase o diálogo cultural... E coa experiencia de catro anos podemos dicir que ese obxectivo se cumpriu plenamente: estamos falando de 35 concertos de 19 países diferentes, dun respaldo masivo do público, de moitos concertos co aforo cheo, e, dende logo, dunha gran satisfacción do público asistente. Ademais, conseguiuse que Compostela, que xa en por si é capital cultural de referencia, se manteña nesa posición con máis vigor.