"Unha pequena luz á fin das tebras", foi definición do ministro francés de Exteriores, Bernard Kouchner, para o conseguido na xuntanza de París.
Coa convicción de que queda moito por facer, unha vintena de gobernos e organismos internacionais fixaron este martes un plan de acción para a resolución do conflito en Darfur. O cumio en realidade subliñou o apoio para a proposta realizada pola Unión Africana e as Nacións Unidas.
Segundo ese roteiro, non será até despois do verán cando comecen as negociacións entre o goberno de Sudán e os grupos rebeldes en Darfur. A UA e a ONU consideran que até que avancen esas conversas non será posíbel o envío dunha forza militar conxunta das dúas institucións que axude á pacificación. Na actualidade hai xa 7 mil soldados africanos na zona e o obxectivo é que desde o próximo ano esa cifra se triplique.
O secretario xeral das Nacións Unidas, Ban Ki Moon destacou a necesidade de compromisos para o financiamento do plan. Mentres, a representante estadounidense, a secretaria de Estado Condoleezza Rice, insistiu en que probablemente serán necesarias novas sancións ao goberno sudanés para que se comprometa co proceso.