Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
140.000 toneladas de residuos altamente radioactivos

Jorquera solicita ao Goberno que informe sobre o cemiterio nuclear da foxa atlántica

O senador do BNG lembra que non se está a facer ningún seguimento regular sobre a situación das máis de 140.000 toneladas de residuos radioactivos depositados a pouco máis de 600 quilómetros da costa galega

BNG - 20:42 25/06/2007
Tags:

O senador do BNG, Francisco Jorquera, ven de presentar unha pregunta na que lle solicita ao Goberno Central que informe sobre o estado no que se atopa o cemiterio nuclear da Foxa Atlántica e, consecuentemente, do posíbel nivel de afectación ao medio mariño e ás poboacións costeiras.

Jorquera lembra que na Foxa Atlántica, unha zona situada a pouco máis de 600 quilómetros das costas galegas, “foron guindados durante anos e sen ningún tipo de control miles de toneladas de residuos radioactivos procedentes das centrais nucleares de Europa”.

En total, calcúlase que nesta foxa están depositadas máis de 140.000 toneladas de residuos altamente radioactivos “almacenados en bidóns e sen ningún tipo de control sobre a súa perigosidade”.


Non se está a realizar ningún seguimento regular

O senador nacionalista salienta que “foi a forte mobilización social que se xerou en Galiza a principios dos 80 contra o verquido de residuos radioactivos obrigou ao chamado Convenio de Londres, adscrito á Organización Marítima Internacional (OMI), a prohibir en 1993 a contaminación nuclear ao medio mariño”.

Porén, Jorquera denuncia que, tal como recoñeceron recentemente altos cargos da OMI nunha reunión en Santiago de Compostela, “non se está a realizar ningún seguimento regular sobre o estado deste cemiterio nuclear”.

Por iso, o representante do BNG na Cámara Alta considera que “dado o gran volume de residuos radioactivos e as súas precarias condicións de almacenamento faise necesario realizar un informe sobre a situación na que se atopa este cemiterio nuclear e a súa posíbel afectación ao medio mariño”.


Neste sentido, Francisco Jorquera pergunta ao Goberno Central se realizou algún seguimento sobre o estado destes residuos e, en caso afirmativo, pédelle que faga públicos os resultados.

Asimesmo, demándalle ao Goberno se non considera realizar un seguimento regular deste cemiterio nuclear, “dado o elevado grao de perigosidade e as precarias condicións de almacenamento”.

 Por último, o senador nacionalista pregúntalle ao Executivo Central se solicitou á Axencia Atómica Internacional dados sobre a situación destes verquidos e, en caso afirmativo, que proporcione a devandita información.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: